A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda reuniuse co presidente da entidade

A Xunta e a Autoridade Portuaria de Vigo avalían vías de colaboración para avanzar na loita contra o cambio climático

Tamén analizaron a situación actual da Plataforma loxístico industrial Salvaterra–As Neves (Plisan) e a evolución das obras do apartadoiro ferroviario

Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2023

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana, acordaron seguir a desenvolver vías de colaboración para avanzar na loita contra o cambio climático.

 

Nunha reunión que mantiveron esta tarde, coincidiron na necesidade de aproveitar as sinerxías comúns para impulsar proxectos conxuntos no contexto da defensa do medio ambiente e a sostibilidade. De feito, tal e como salientou a vicepresidenta segunda, a Autoridade Portuaria forma parte desde setembro de 2022 da Alianza Galega polo Clima, unha iniciativa promovida pola Xunta que segue reunindo esforzos que permitan situar a Galicia á cabeza das rexións europeas na loita contra o quecemento global.

 

A maiores, Ángeles Vázquez puxo en valor o compromiso da entidade neste eido coa implementación de medidas como o cálculo da Pegada de Carbono ou o desenvolvemento dunha ferramenta propia capaz de medir tanto as emisións propias como as xeradas pola actividade dos usuarios e concesionarios do porto de Vigo.

 

Nesa liña, a conselleira valorou positivamente o anuncio que lle trasladou o presidente da Autoridade Portuaria sobre a creación dunha oficina de cambio climático que dea asesoramento ás empresas en materia de descarbonización co obxectivo de seguir traballando no proxecto de Porto Verde cero emisións.

 

Durante o encontro tamén abordaron cuestións como a aposta polos novos combustibles, as enerxías renovables e a captación de CO2 da man do proxecto Peiraos do solpor.

 

Plisan

Ademais, Ángeles Vázquez e Carlos Botana analizaron a situación actual da Plataforma loxístico industrial Salvaterra – As Neves (Plisan), que, en concreto, a evolución das obras do apartadoiro ferroviario, que ten como obxectivo que todas as empresas emprazadas nesta área industrial poidan utilizar o tren para o subministro de materias primas, compoñentes e a distribución posterior dos produtos, xa que permitirá operar trens lanzadeira co porto de Vigo.

 

Este apartadoiro, que disporá dunha lonxitude de vías de 750 metros, enmárcase no proxecto de dotar á Plisan dun Centro intermodal de transportes, que permita conectar a que está chamada a ser a gran zona de actividades loxísticas da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal coa liña ferroviaria que transcorre pegada á mesma.

 

Cómpre lembrar que a Plisan ten como promotores a Xunta de Galicia, a Autoridade Portuaria de Vigo e o Consorcio Zona Franca, que cofinanciarán o proxecto en base á súa porcentaxe de participación nesta área industrial. En total, o investimento estimado para levar a cabo esta infraestrutura é de 31 millóns de euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/09/2023