A Xunta destaca o labor da IXP Mel de Galicia como elemento garante de que o produto é de calidade certificada

Así o afirmou hoxe o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, na súa visita a unha das alvarizas da empresa De Liñares, en Lalín

Os produtos baixo o selo da IXP garanten que se trata dun mel cen por cento galego, sometido a rigorosos controis sanitarios e de calidade, avalados pola Entidade Nacional de Acreditación (ENAC), dende o inicio ata o final da súa produción

Lalín (Pontevedra), 12 de setembro de 2023 O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, acompañado da presidenta do consello regulador da indicación xeográfica protexida (IXP) Mel de Galicia, Esther Ordóñez, visitou hoxe en Vilatuxe (Lalín) unha das alvarizas da empresa De Liñares. Alí, o director puxo en valor a importancia do amparo da IXP Mel de Galicia como elemento garante de que o produto é de calidade certificada.

Así, cómpre lembrar que os produtos baixo o selo da IXP garanten que se trata dun mel cen por cento galego, sometido a rigorosos controis sanitarios e de calidade, avalados pola Entidade Nacional de Acreditación (ENAC), dende o inicio ata o final da súa produción. Deste xeito, coa comercialización destes produtos estase a apoiar aos apicultores e apicultoras galegos, fomentando seu asentamento no rural.

Por outra banda, a Consellería do Medio Rural, a través da Agacal, está a traballar conxuntamente coa IXP Mel de Galicia para buscar potenciar os diferentes nichos de mercado -abarcando dende o comercio local e autonómico para as pequenas produtoras, ata o nacional e internacional para as empresas de maior produción- para a comercialización do mel con contraetiqueta.

Neste sentido, a Consellería colabora coa a IXP Mel de Galicia en programas estratéxicos, como o plan de formación continua da Agacal, ademais de afondar na mellora da investigación co fin de afrontar os vindeiros retos de futuro. Deste xeito, estase a valorar neste sentido unha acción de cooperación co centro de investigacións agrarias (CIAM) de Mabegondo.

 

Data de actualización: 12/09/2023