O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades participa no arranque dos actos do 50 aniversario do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG)

A Xunta creará unha sección sobre arquitectura no Arquivo de Galicia no Gaiás para divulgar e recoñecer o valor cultural desta disciplina

O Goberno autonómico e o COAG asinan un protocolo de colaboración para pór a disposición da cidadanía proxectos, textos, imaxes, maquetas, documentos de traballos ou materiais gráficos e audiovisuais na materia

Tamén se colaborará na procura dun lugar de exposición e divulgación que sIrva para dar a coñecer e valor os legados arquitectónicos de Galicia

Román Rodríguez felicita ao COAG por terse consolidado como “unha das entidades profesionais de maior influencia social e pública e cunha sensibilidade urbana e residencial de Galicia”

Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2023 A Xunta de Galicia creará unha sección específica de arquitectura no Arquivo de Galicia, na Cidade da Cultura, coa intención de dar unha maior visibilidade, divulgar e conservar o extenso traballo e fondos documentais dos profesionais galegos desta disciplina. Así o manifestou hoxe o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, que asinou o protocolo de colaboración co decano do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG), Luciano Alfaya, no marco do arranque da celebración do 50 aniversario da entidade.

Ao abeiro desta colaboración, crearase unha sección no Arquivo de Galicia que recompile e poña a disposición dos investigadores e da sociedade xeral toda unha colección de proxectos, textos, imaxes, maquetas, documentos de traballo ou materiais gráficos e audiovisuais do eido da arquitectura feita en Galicia, de acordo co COAG. Ademais, a Xunta comprométese a incluír no seu plan anual de dixitalización de fondos documentais unha selección destes materiais e tamén se procurará un espazo de exposición que sirva para dar a coñecer e poñer en valor o legado arquitectónico de Galicia.

Intensa colaboración

Román Rodríguez salientou que esta nova alianza reforza as liñas de traballo levadas a cabo de xeito conxunto con iniciativas como o proxecto Terra, co que milleiros de alumnos se teñen beneficiado nas diferentes etapas educativas con coñecemento técnico especializado, ao tempo que se incentivou o pensamento crítico e a reflexión sobre a construción. “Nada disto sería posible sen os esforzos realizados polo COAG e polos seus profesionais para reforzar a formación en Galicia e apuntalar o noso modelo educativo cunha perspectiva aplicada á propia realidade”, afirmou.

O conselleiro felicitou ao COAG por terse consolidado desde a súa creación -hai 50 anos- como “unha das entidades profesionais de maior influencia social e pública cunha estreita relación coa sensibilidade urbana e residencial de Galicia”. Salientou, ademais, a aposta de Galicia pola arquitectura como disciplina técnica, como demostra o traballo que se fai desde a Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña, “un dos centros de referencia e de maior prestixio”.

Durante o acto tamén se presentou a publicación A Arquitectura de Galicia. Dous mil anos de historia do arquitecto José Ramón Alonso Pereira, catedrático de Historia da Arquitectura e Urbanismo da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña (UDC). O texto fala de Galicia como un territorio con entidade arquitectónica propia e relata en 30 capítulos as idades da arquitectura desde un triplo soporte: territorial, físico e temporal.

Data de actualización: 12/09/2023