O conselleiro do Mar compareceu no Parlamento para dar conta das previsións e as liñas xerais de actuación do seu departamento

Alfonso Villares aposta por reforzar o traballo co sector para mellorar as súas condicións de vida e blindar o futuro da actividade marítimo-pesqueira

O titular de Mar subliña que a Xunta seguirá a defender ante todas as instancias os intereses da frota para evitar ataques arbitrarios e inxustificados, como o veto á pesca de fondo, que poñen en serio risco a súa viabilidade

A Xunta avoga por estreitar aínda máis o contacto continuo cos profesionais do mar co obxectivo de avanzar nunha cogobernanza que ten dado moi bos resultados á comunidade na xestión dos seus recursos

O Executivo autonómico alerta das nefastas consecuencias que tería para os buques galegos a pretensión de Bruxelas de limitar a pesca de arrastre ante o risco de que se estenda a determinadas artes menores destruíndo milleiros de empregos

O conselleiro defende que Galicia vai exercer as súas competencias coa nova lei do litoral para defender os intereses do complexo mar-industria fronte ás pretensións do Goberno central de eliminar calquera vestixio humano do litoral

Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2023 O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, compareceu hoxe no Parlamento galego para detallar as previsións e liñas estratéxicas de actuación no futuro do seu departamento fixando como obxectivos fundamentais a posta en valor da xente do mar e a mellora das súas condicións de vida.

Nun presente aínda marcado pola recente pandemia, pola crise derivada da guerra en Ucraína ou polas políticas arbitrarias da Comisión Europea, o Executivo galego vai reforzar o seu traballo de defensa do sector marítimo-pesqueiro ante todas as instancias para facer fronte a ataques totalmente inxustificados que poñen en risco a súa competitividade e o papel referente que ten en todo o mundo.

Nesta liña, o titular de Mar apostou por estreitar aínda máis o contacto continuo e o diálogo fluído que mantén co sector co obxectivo de avanzar na cogobernanza que tan bos resultados ten dado á comunidade. Neste sentido, comprometeuse a traballar arreo para preservar a fortaleza dunha actividade estratéxica para Galicia, fonte de xeración de emprego e de riqueza principalmente nas localidades costeiras, pero da que o seu impacto se estende ao conxunto da autonomía.

Alfonso Villares, que interveu a petición propia na Cámara, lembrou as medidas adoptadas pola Xunta para apoiar á frota ante vetos como o da pesca de fondo, unha actuación que fai que Galicia leve a dianteira na UE á hora de velar polos intereses do sector pesqueiro afectado.

De feito, a galega é a única comunidade española que decidiu participar como parte coadxuvante apoiando o recurso ante a Xustiza europea dos palangreiros de Burela. Pretende axudar así a tombar un veto que afecta a 87 áreas do Atlántico Noreste e que foi instaurado sen medir as consecuencias socioeconómicas nin contar con informes científicos que o avalen. Unha batalla legal que se fai aínda máis necesaria cando semella que esas zonas restrinxidas á pesca de fondo poden ampliarse.

O conselleiro tamén alertou do lesivo que pode ser para o sector o Plan de Acción da UE para protexer e restaurar os ecosistemas mariños co 2030 como horizonte. O titular de Mar asegurou que a pretensión de limitar o arrastre tería consecuencias económicas nefastas para Galicia e podería desembocar na prohibición posterior doutras artes menores que tamén se arrastran polo fondo, o que sería a ruína para moitas zonas pesqueiras coa perda de milleiros de empregos.

Outro dos desafíos actuais é a descarbonización da frota, unha cuestión sobre a que Alfonso Villares salientou que a Consellería do Mar traballa na elaboración dun informe xunto coa Fundación MarInnLeg e o clúster galego do naval (Aclunaga) que, partindo da situación actual, analizará as vías de traballo e posibilidades que teñen os buques galegos de avanzar neste camiño de forma gradual e efectiva.

Estudos serios

A Xunta busca participar así nos distintos foros sobre transición ecolóxica con estudos e informes rigorosos que permitan dar pasos serios nese camiño da protección do medio ambiente. Todo o contrario, dixo, do que ocorreu no recente Consello Informal de Ministros de Pesca da Unión Europea celebrado en Vigo, onde o Goberno central decidiu deixar fóra á Xunta e no que non se adoptou ningunha decisión de calado neste eido.

O conselleiro contrapuxo a actuación de Galicia coa relativa desidia mostrada polo Goberno central, con certo colaboracionismo nalgúns momentos, coas pretensións de Bruxelas. Como exemplo puxo o caso do regulamento de control da pesca, onde apelou á necesidade de confiar nas prácticas respectuosas e responsables dun sector xa suficientemente controlado, fronte ás intencións estatal e europea de intensificar aínda máis eses mecanismos de inspección.

Outros ámbitos nos que a deriva medioambientalista incide no complexo mar-industria de Galicia teñen que ver, por unha banda, coa presenza de empresas e actividades ligadas á pesca, o marisqueo e a acuicultura na costa, e pola outra, á definición dos usos dos espazos que pretende acomodar á eólica mariña.

No primeiro, o que afecta ás instalacións produtivas que precisan estar na área de dominio público marítimo-terrestre, Alfonso Villares subliñou que a comunidade vai exercer as súas competencias trala aprobación da Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia (Loxilga) para defender os intereses do sector fronte ás pretensións do Ministerio para a Transición Ecolóxica de eliminar calquera vestixio humano do litoral independentemente do seu impacto social ou económico.  

En canto á eólica mariña e o seu acomodo dentro do plan de ordenación do espazo marítimo (POEM) deseñado polo Goberno central, o titular de Mar cuestionou que se poida levar adiante unha planificación na que non se tivo en conta ás partes implicadas. Por iso, asegurou que Galicia vai defender sempre que o desenvolvemento desta fonte enerxética se faga de xeito compatible coa actividade pesqueira e coa preservación do ecosistema.

Ante a existencia de tantos retos e trabas para o sector, o conselleiro resaltou a importancia de contribuír a facilitar a súa actividade fronte a impactos como o da guerra en Ucraína e puxo en valor os preto de 15 millóns de euros mobilizados este ano de forma extraordinaria para apoiar ao conxunto da cadea mar-industria galega. Unhas subvencións destinadas á frota pesqueira, ao sector acuícola, ao sector da transformación e ás empresas comercializadoras.

Alfonso Villares destacou que este é o camiño a seguir e cualificou de inexplicable que a industria do mar continúe sen ter o seu propio Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica (Perte) malia ser unha actividade fundamental. Por iso, apostou por seguir reclamando recursos europeos con este obxectivo, ao igual que seguir exixindo ao Executivo central que rebaixe o IVE dos produtos do mar.

A remuda xeracional é outra das prioridades da Consellería do Mar, blindando a formación profesional que dá acceso ás mozas e mozos á actividade e trasladando a necesidade de que todas as institucións se impliquen na consecución deste obxectivo. Para logralo, destacou, é necesario aumentar o atractivo do traballo a bordo mellorando a seguridade e a habitabilidade dos buques.

Dinamización do litoral

O representante do Executivo galego expuxo tamén a importancia de continuar coa dinamización das zonas costeiras a través dos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP), unha estratexia na que, desde 2016, se executaron máis de 700 proxectos que xeraron arredor de 4.500 empregos directos, indirectos ou inducidos.

A Xunta pretende insistir ademais na promoción dos produtos do mar en feiras e salóns internacionais, unha aposta que contribuíu a acadar un novo récord exportador en 2022 ao superarse os 2.700 millóns de euros, máis do dobre que en 2009. Nesta liña, a campaña GALICIA SABE AMAR seguirá animando aos consumidores galegos, españois e internacionais a apostar polos peixes e mariscos na súa dieta.

Alfonso Villares tamén destacou a relevancia do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) como Laboratorio Nacional de Referencia en Biotoxinas Mariñas, un centro fundamental e punteiro a nivel internacional á hora de garantir as condicións hixiénico-sanitarias dos produtos que acaban nas mesas dos consumidores. Estamos ante un instituto que, incidiu, pon a investigación ao servizo do sector, algo que tamén fai a Rede entre o sector pesqueiro e os organismos científicos da comunidade autónoma (Redemar), creada hai xusto un ano e que pretende dar resposta ás necesidades de investigación rexistradas nos distintos recursos do litoral de Galicia.

En canto aos retos máis inmediatos, o titular de Mar mencionou o salto definitivo ao novo Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura (Fempa) para o que en 2024 se tratará de poñer en marcha unha rede de oficinas que cubrirá a costa galega co obxectivo de asesorar e facilitar a tramitación das axudas para que sexan aproveitadas polo maior número de beneficiarios posible.

En canto á fixación das cotas de pesca para os vindeiros anos, o conselleiro detallou que o seu departamento está a revisar as propostas da Comisión Europea e que vai facer especial fincapé naquelas que teñen maior incidencia na frota galega, como o xurelo e a cigala. O obxectivo será acadar as maiores posibilidades de captura posibles para facilitar o labor da frota e tratar de frear calquera medida prexudicial que careza de aval científico e de estudos de impacto socioeconómico.

 

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 12/09/2023