A Xunta recibe 11 ofertas para executar os accesos do Novo Hospital Público da Coruña, que suporán un investimento de 24,8 M€

Das 11 ofertas presentadas para executar estas obras 7 delas están conformadas por UTE, o que suma un total de 18 empresas

O obxectivo deste contrato, de proxecto e execución da obra, é dotar o hospital duns accesos máis funcionais, sinxelos e integrados que faciliten a entrada aos distintos servizos e ao aparcadoiro, e o funcionamento do complexo durante as obras

As obras inclúen a mellora da conexión coa AC-12, a construción dun anel perimetral e a conexión coa rede viaria municipal, a execución dun acceso provisional coa AC-10 para facilitar as obras e un aparcadoiro temporal con 195 prazas

Os actos expropiatorios están xa convocados, fixándose o levantamento de actas previas hoxe mesmo e a formalización das actas de ocupación para o 15 de novembro

Trátase dunha das 3 primeiras obras en fase de contratación do novo Hospital Público da Coruña que, xunto coas da Torre Polivalente e as de demolición do Hotel de Doentes, suman un investimento de máis de 60 M€ e xerarán máis de 900 postos de traballo

O Novo CHUAC é unha actuación complexa e ambiciosa, cun investimento de 500 M€ para garantir a atención sanitaria a máis de 500.000 pacientes

Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2023

A Xunta recibiu un total de 11 ofertas para executar as obras de mellora dos accesos do novo Hospital Público da Coruña, licitadas por un investimento de 24,8 M€.

Das 11 ofertas presentadas para executar estas obras 7 delas están conformadas por UTE, o que suma un total de 18 empresas. 

As actuacións obxecto deste contrato, de proxecto e execución da obra, teñen como obxectivo mellorar o modelo actual e adaptalo ao proxecto do Novo CHUAC e á mobilidade da contorna, a través dun esquema sinxelo e entendible por todos os usuarios.

Ao tempo que se avanza na contratación desta actuación, este mesmo martes, 12 de setembro, están convocados os actos para o levantamento de actas previas á ocupación dos terreos necesarios para executar estas obras, en horario de 10:30 a 11:30 horas, na sala reunións do edificio administrativo da Xunta na Coruña. A formalización das actas terá lugar o 15 de novembro no mesmo horario e lugar. As expropiacións permitirán que o adxudicatario do contrato realice labores como xeotecnia ou topografía de detalle nas parcelas na fase de redacción do proxecto construtivo.

O obxectivo desta intervención é dotar o Hospital Público da Coruña duns accesos máis funcionais, sinxelos e integrados, que faciliten a entrada aos distintos servizos e ao aparcadoiro e o funcionamento do complexo durante as obras.

Para iso, en primeiro lugar, prevese mellorar a conexión do CHUAC coa rede viaria de alta capacidade a través da AC-12 ou avenida da Pasaxe.

A conexión coa AC-12 realizarase mediante un enlace tipo trompeta e unha glorieta de 41 metros de diámetro, procurando en todo momento a máxima integración na contorna e o mínimo impacto.

Esta actuación permitirá, ademais, optimizar os accesos ao Hospital San Rafael desde a AC-12 ou avenida da Pasaxe.

En segundo lugar, prevese a execución parcial da vía perimetral que dará acceso directo aos distintos servizos do hospital e conectará coa rede viaria urbana en diferentes puntos. A configuración desta parte do anel perimetral do Novo CHUAC suporá a execución de 4 km de vías e 21 eixes diferentes.

En terceiro lugar, tamén se contempla a construción dun acceso provisional de saída cara á AC-10 durante a execución das obras para facilitar o seu desenvolvemento, así como a habilitación dun aparcadoiro tamén temporal ao oeste da rúa Curramontes con máis de 5.000 metros cadrados de superficie e 195 prazas de estacionamento.

O Goberno galego continúa avanzando no traballo para que o Novo CHUAC teña uns accesos máis funcionais e sinxelos, integrados na rede urbana, que faciliten a chegada ao aparcadoiro e aos diferentes servizos do hospital e que aseguren, ademais, o funcionamento do complexo durante as obras.

Esta é unha das tres actuacións en fase de contratación do Novo Hospital Público da Coruña, estando xa en análise as 11 ofertas de empresas recibidas para a demolición do Hotel de Doentes, cuxo espazo é necesario para executar os novos accesos, e que suporá un investimento de 1,4 M€. Tamén se están a avaliar as 12 ofertas de empresa que se presentaron ás obras da Torre Polivalente, e que suporán un investimento de 35,1 M€.

Trátase, polo tanto, das 3 primeiras obras do novo Hospital Público da Coruña que supoñen un investimento de máis de 60 M€ e xerarán máis de 900 postos de traballo.

Todas estas intervencións forman parte dunha actuación complexa e ambiciosa que exixe un gran traballo e un investimento de 500 M€ para garantir a atención sanitaria da Coruña e Cee nas vindeiras décadas, para dar atención a máis de 550.000 pacientes.

Para iso multiplicarase por tres a superficie actual do hospital, pasando dos 85.000 m² actuais a unha superficie construída de case 257.000 m² .

 

Data de actualización: 12/09/2023