Un total de 32.536 escolares lucenses de Infantil, Primaria, ESO e BAC regresan hoxe ás aulas

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou o CEIP Virxe do Corpiño de Begonte con motivo do inicio do curso

Destaca o impulso que lle está a dar o Goberno galego á mellora das infraestruturas educativas, con 43 grandes obras en centros da provincia incluídas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica por importe de 25,8 M€

Begonte (Lugo), 11 de setembro de 2023

Un total de 32.536 escolares lucenses retornan hoxe ás aulas na provincia de Lugo, nos niveis de educación Infantil (5.573); Primaria (13.844); educación especial (71); ESO (9.787) e Bacharelato (3.261).

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, visitou o CEIP Plurilingüe Virxe do Corpiño de Begonte para acompañar ao profesorado e ao alumnado no primeiro día do curso 2023-24.

Destacou o importante impulso que lle está a dar a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades á mellora das infraestruturas educativas, con obras como as executadas neste colexio, onde recentemente acometeuse unha actuación de rehabilitación integral por importe de 535.000 euros. Con esta intervención, acadouse un 50% de aforro enerxético.

Así mesmo, habilitáronse neste centro de Begonte unha pista multideporte e un polo creativo, a través da liña de axudas da Xunta a concellos para promover estas instalacións. No caso das pistas multideporte, son espazos aptos para practicar un mínimo de cinco deportes e poden ser utilizadas polo alumnado e polos veciños e veciñas en xeral -fóra do horario escolar -. Pola súa banda, os polos creativos son lugares de innovación educativa nos que se traballan as competencias STEM, a solución de problemas reais e o pensamento de deseño e habilidades.

En canto ás obras no resto da provincia, Arias destacou que no marco do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia a Xunta ten en marcha 43 grandes actuacións na provincia de Lugo por importe de 25,8 M€ -en diferentes fases, algunhas acaban de rematar e outras están en execución, en licitación ou en previsión de licitalas en breve -.

Ademais, subliñou que nos dous últimos anos acometéronse 157 obras de menor envergadura en centros lucenses por valor de 3 M€; e hai proxectadas 14 intervencións de novas instalacións fotovoltaicas en colexios e institutos que suman 380.000 euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/09/2023