A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda achegouse esta mañá ao illote para facer balance do funcionamento do novo operativo

A Xunta avanza que máis de 8.500 persoas visitaron o Areoso durante os dous primeiros meses de aplicación do sistema de control de acceso

Ángeles Vázquez explica que 7 de cada 10 usuarios optaron por unha embarcación sen motor, maioritariamente piraguas, para desprazarse ata o illote arousán

Durante o mes de agosto detectouse unha maior afluencia de visitantes e no período comprendido entre os días 3 e 27 completouse o cupo diario de permisos dispoñibles

A Illa de Arousa (Pontevedra), 11 de setembro de 2023

Máis de 8.500 persoas solicitaron autorización para acceder ao illote Areoso, no concello da Illa de Arousa, durante os dous primeiros meses de aplicación do novo sistema de control impulsado pola Xunta para regular e ordenar os desprazamentos a este espazo natural.

Durante unha visita ao illote para facer balance da aplicación desde a súa posta en marcha, o pasado 4 de xullo, a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, sinalou que o sistema funcionou con normalidade e sen grandes incidencias, como demostra o feito de que ata o momento a afluencia media rexistrada se situou en 123 persoas diarias.

Acompañada pola directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, a vicepresidenta salientou que neste período 7 de cada 10 visitantes optaron para os seus desprazamentos por embarcacións sen motor, destacando sobre todo o uso de piraguas; outro 20% accedeu ao Areoso en barcos motorizados; e case un 10% optou por fondear nas augas que rodean o illote.

Así mesmo, tamén destacou que, se ben durante as primeiras semanas de xullo o ritmo de autorizacións emitidas foi algo menor, coincidindo coa posta en marcha do novo sistema e da aplicación dixital para tramitar os permisos, no mes de agosto detectouse un incremento das solicitudes e por conseguinte, da afluencia.

De feito, no período comprendido entre o 3 e o 27 de agosto completouse todos os días o cupo máximo de visitantes, fixado en 150 persoas repartidas en 3 quendas horarias, algo que tamén ocorreu puntualmente algún día illado durante as fins de semana de finais de xullo.

Polo que respecta ás preferencias horarias dos usuarios para achegarse ata o Areoso, a vicepresidenta explicou que, con diferencia, a quenda máis solicitada este verán foi a segunda, que permite acceder ao illote entre as 13,00 horas e as 17,00 horas, seguida da terceira e última franxa horaria dispoñible, que vai desde as 17,00 horas ata o solpor.

Aplicación web e formas de acceso

O pasado 3 de xullo foi publicada a orde pola que se establecen as normas relativas ao uso público e as actividades recreativas nos illotes dos Guidoiros —do que forma parte o Areoso— e na illa de Rúa, entrando en vigor ao día seguinte. A través desta normativa quedan limitadas a 150 persoas diarias as visitas permitidas no illote arousán a través de 3 quendas, cada unha das cales permite unha afluencia máxima de 50 persoas.

Desde o primeiro día púxose a disposición dos cidadáns e empresas interesadas a aplicación web areoso.xunta.gal co fin de facilitar a tramitación das autorizacións de acceso. Os permisos para poder visitar o illote deben solicitarse escollendo entre unha das tres modalidades de transporte dispoñibles: fondeo (permítense por quenda 20 solicitudes); atraque con embarcación con motor (10 solicitudes por franxa horaria); e atraque con embarcación sen motor (permítense por quenda 12 solicitudes).

Cómpre lembrar que a orde aprobada pola Xunta responde ao aumento detectado nos últimos anos na afluencia de visitantes a esta zona e foi froito da vontade de colaboración amosada por todas as administracións, sectores e colectivos implicados na xestión e aproveitamento deste espazo natural, dentro da zona de especial conservación complexo Ons-O Grove, co obxectivo común de impulsar a mellor regulación posible para conservar os seus valores ambientais sen renunciar ao seu uso e desfrute público.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/09/2023