A Xunta abrirá un novo Polo de emprendemento en Vilanova de Arousa para xerar emprego, dinamizar a economía local e fixar poboación

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, anunciouno nun encontro con empresarios, onde destacou o potencial da comarca do Salnés no eido do turismo, no comercio ou no sector primario, nomeadamente no mar

Dos oito polos activos no conxunto de Galicia -que levan atendido nun ano máis de 550 persoas- o de Pontevedra Norte e Rías Baixas asesorou arredor de 150 proxectos

Vilanova de Arousa (Pontevedra), 11 de setembro de 2023 A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, anunciou hoxe a creación dun novo Polo de emprendemento e apoio ao emprego en Vilanova de Arousa, que será o segundo da provincia de Pontevedra e que permitirá “xerar emprego e emprendemento e fixar poboación no rural, tan importante en Galicia”. Así, nun encontro con empresarios da comarca do Salnés, destacou a relevancia da bisbarra no eido do turismo, no comercio ou no sector primario -nomeadamente no mar- e aseverou que aínda queda moito potencial, xerando riqueza pegada ao territorio, pola vía do emprendemento e do emprego de calidade.

Na xuntanza, púxose en valor que a Rede de polos xorde para ofrecer un acompañamento continuado das persoas emprendedoras en cada unha das fases polas que vaian pasando os seus proxectos. O obxectivo é convertelos en verdadeiros centros de dinamización dos territorios nos que se asentan, sendo foros de interlocución que permitan recoller as demandas da súa poboación e dar resposta desde a Administración coa colaboración do sector privado.

Nesa liña, a conselleira sinalou que na provincia de Pontevedra funciona actualmente o polo Pontevedra Norte e Rías Baixas, con sede en Silleda, que leva atendidos arredor de 150 proxectos, dos que arredor dun cento continúan no seu proceso de acompañamento mentres outra vintena xa acadaron o obxectivo polo que contactaran coa Rede de polos. 

No conxunto da Rede, con oito polos activos espallados polo territorio galego e que se seguirán consolidando para dar cobertura ao 100 % do territorio galego, máis de 550 persoas emprendedoras recibiron arredor de 1.700 titorías para sacar adiante as súas iniciativas.

Na súa intervención, Elena Rivo agradeceu a boa disposición do Concello de Vilanova de Arousa de cara ao novo servizo e o seu ofrecemento de establecer o futuro polo de emprendemento no Pazo de Vista Real.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/09/2023