Lorenzana salienta o impulso ao hidróxeno renovable en Galicia a través da colaboración público-privada

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, participou na sinatura do convenio entre o proxecto Julio Verne do Porto de Vigo e a Federación Galega de Estacións de Servizo (Fegaes)

Estas entidades cooperarán en eidos como a I+D+i, a formación e a divulgación, en liña co que promove a Alianza Industrial Galega do Hidróxeno Verde

O obxectivo é desenvolver na Comunidade todos os segmentos da cadea de valor deste vector enerxético: produción, almacenamento, transporte e distribución

Vigo, 11 de setembro de 2023

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, salientou esta mañá que a aposta polo hidróxeno renovable en Galicia é unha realidade grazas ao impulso que se lle está a dar tanto desde o sector público como a través da iniciativa privada. Lorenzana asistiu á sinatura do convenio entre o proxecto Julio Verne do Porto de Vigo e a Federación Galega de Estacións de Servizo (Fegaes), que se suma a esta iniciativa co obxectivo de colaborar en proxectos relacionados coa produción e dispensado de hidróxeno verde e os seus derivados. Prevese realizar actividades conxuntas en eidos como a I+D+i, a formación e a posta en valor do hidróxeno como vector enerxético.

Estas posibilidades son as que desde a Xunta de Galicia, e en colaboración coa industria, se están a explorar a través da Alianza Industrial Galega do Hidróxeno Verde, que ten como misión impulsar a colaboración público-privada para chegar a desenvolver en Galicia todos os segmentos da cadea de valor: produción, almacenamento, transporte e distribución de hidróxeno verde.

Neste eido, tal e como lembrou Lorenzana, estanse a desenvolver importantes proxectos como a factoría de hidróxeno verde nas Pontes de Reganosa e EDP Renovables e a de Meirama, promovida por Reganosa, Naturgy e Repsol.

Na súa intervención, a conselleira de Economía, Industria e Innovación destacou tamén o propio proxecto Julio Verne da Autoridade Portuaria de Vigo, unha iniciativa para a xeración e dispensado de hidróxeno verde para a súa aplicación en operacións loxísticas do porto, consumo industrial, mobilidade terrestre e marítima e para conseguir un porto de emisións cero, porque pode chegar a evitar a emisión de máis de 2.800 TM de CO2 ao ano.

Lorenzana fixo fincapé na aposta polo binomio enerxía renovable e industria como o camiño para conseguir incrementar a competitividade, salientando que neste eido o Goberno galego vai continuar colaborando e tendendo a man, no marco da Axenda Enerxética de Galicia 2030.

Data de actualización: 11/09/2023