A delegada da Xunta en Vigo destaca o apoio do Goberno galego para facilitar o labor do centro Juan María de Nigrán

Ana Ortiz visitou este sábado xunto ao alcalde de Nigrán a entidade situada en Panxón tras a aprobación dunha subvención de 47.713 euros para a adquisición dun vehículo

Nigrán (Pontevedra), 9 de setembro de 2023

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, visitou este sábado o Centro Juan María de Nigrán tras a concesión por parte do Goberno galego dunha axuda de 47.713 euros para a compra dun vehículo a través da Asociación Benéfica Social de Pais e Amigos Esperanza do Val Miñor.

“Quero destacar ante todo o gran labor que se realiza desde a entidade, responsable de xestionar o centro Juan María de Nigrán, para mellorar a atención dos seus usuarios”, destacou a representante autonómica durante o percorrido polas instalacións no que estivo acompañada polo alcalde de Nigrán, Juan González.

Ana Ortiz sinalou que “o traballo do centro é vital para ofrecer ás familias calidade de vida no coidado das persoas que a necesiten e a Xunta de Galicia sempre vai estar ao seu lado para axudar en todo o que necesiten”.

A Consellería de Política Social concedeu a axuda a través das subvencións destinadas á adquisición de vehículos que faciliten a prestación de servizos a persoas dependentes ou a persoas con discapacidade por entidades de iniciativa social ao abeiro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado pola Unión Europea- NextGenerationEU.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/09/2023