O presidente do Goberno galego realizou un tramo da ruta entre Santiago e Fisterra

Rueda destaca a desestacionalización do Camiño de Santiago e o aumento de peregrinos estranxeiros durante este 2023

Salienta que ata finais de agosto entregáronse 310.000 compostelas, máis que no mesmo período de 2022 que foi ano Xacobeo e no que se bateron récords históricos

A rede de albergues públicos rexistrou maior ocupación neste inverno e primavera que nos pasados

Os peregrinos estranxeiros representaron este verán case o 40% do total, a maioría de Italia, EEUU e Alemaña

Asegura que o balance deste 2023 “é moi positivo” e que a previsión é pechar un ano “espectacular” desde o punto de vista do Camiño e o turismo
 

Negreira (A Coruña), 9 de setembro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que o Camiño de Santiago está a experimentar unha desestacionalización e un aumento de peregrinos estranxeiros durante este ano 2023. O titular do Goberno galego, que realizou un tramo da ruta xacobea entre Santiago e Fisterra, subliñou antes de comezar a etapa en bicicleta que Galicia segue a rexistrar cifras récord de peregrinos. “O balance é moi positivo e a previsión é que imos pechar un ano 2023 fantástico desde o punto de vista do Camiño e o turismo”, indicou.

Rueda salientou que ata finais de agosto entregáronse xa máis compostelas que no mesmo período de 2022, que foi ano Xacobeo e “espectacular” para o turismo na comunidade. En concreto, nos primeiros oito meses do ano, un total de 310.000 peregrinos obtiveron esta credencial, un 2% máis. A eles hai que engadir, subliñou o presidente, a todos os que realizan o Camiño, pero non recollen a compostela.

Catro de cada dez peregrinos chegados neste verán a Santiago de Compostela son estranxeiros, unha cifra por riba tamén do rexistrado o pasado ano, sendo os italianos os máis numerosos, seguidos dos nados en EEUU e Alemaña.

Ademais, tal e como resaltou o presidente, a ruta xacobea esta a experimentar este ano unha desestacionalización. A rede de albergues públicos acadou durante este inverno e a primavera unha maior ocupación que no 2022. Rueda valorou estes datos xa que se enmarcan no obxectivo da Xunta de que os turistas visiten Galicia durante todos os meses do ano e non só en verán.

Antes de comezar a etapa, Rueda asegurou que as previsións do sector turístico para este mes de setembro e outubro “son moi boas”. Por iso, o presidente considera que Galicia vai “polo bo camiño” á hora de consolidar a ruta xacobea como un dos principais atractivos da comunidade para atraer visitantes ao longo de todo o ano.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/09/2023