A Xunta licita por máis de 550.000 euros un contrato para facer seguimento dos hábitats de interese comunitario existentes en Galicia

O servizo permitirá determinar o actual estado de conservación e formular medidas axeitadas para protexer e manter estas áreas naturais

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2023

A Xunta licitou esta semana por un importe de máis de 550.000 euros un contrato para avaliar o grao de conservación e desenvolver medidas orientadas a garantir o mantemento de todos os hábitats de interese comunitario presentes en Galicia.

Máis polo miúdo, o servizo partirá da análise do estado no que se atopan os hábitats, un proceso que será levado a cabo a través dunha análise da súa estrutura e funcións. Na mesma liña, desenvolverase unha proposta de obxectivos e medidas de protección e preservación adaptadas ás esixencias da Comisión Europea.

Finalmente, elaborarase un programa de seguimento que identifique as prioridades a nivel territorial da rede galega de espazos protexidos.

Concretamente, o seguimento, cuxo prazo de execución é de 18 meses desde a adxudicación do contrato, realizarase nos hábitats de interese comunitario do subgrupo 11 (de augas mariñas e medios de marea), dos 12, 13, 14 e grupo 2 (cantís costeiros, marismas e sistemas dunares), do grupo 6 (formacións herbosas naturais e seminaturais), do grupo 8 (hábitats rochosos e covas) e do grupo 9 (bosques).

O prazo para poder optar a este contrato remata o vindeiro 2 de outubro, polo que as empresas interesadas en participar no proceso de licitación terán ata esa data para presentar as súas ofertas.

Por último, cómpre subliñar que este tipo de traballos resultan claves para preservar a biodiversidade galega, tal e como defendeu precisamente no Parlamento o pasado mércores a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, quen incidiu na necesidade e na importancia de que a Xunta dispoña de estudos que empreguen a investigación e o coñecemento científico para protexer o noso patrimonio natural.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/09/2023