A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visitou hoxe o centro de maiores e fíxolle entrega deste distintivo

A Xunta entrega un certificado de calidade á residencia pública autonómica da Estrada

Permite validar o seu funcionamento en base a normas e estándares internacionais

O Goberno galego implantou neste centro o programa piloto de residencias dixitais que permite aproveitar as vantaxes da tecnoloxía na atención a maiores
 

A Estrada (Pontevedra), 10 de setembro de 2023

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visitou hoxe a residencia de maiores pública autonómica da Estrada onde lle fixo entrega dun Certificado de Calidade, que permite validar o seu funcionamento en base a normas e estándares internacionais. Este centro convértese así nun dos tres primeiros en recibir este distintivo xunto coa residencia de Porta do Camiño, en Santiago, e a das Gándaras, en Lugo.

A conselleira lembrou que a residencia da Estrada foi unha das elixidas para comezar a implantar o novo modelo de residencias do Goberno galego. No ano 2021, instalouse neste centro un programa piloto de residencias dixitais para aproveitar as vantaxes da tecnoloxía na atención a maiores. Un sistema que permite un fluxo de datos máis inmediato e eficiente e contar con sensores de movemento para alertar de posibles caídas en usuarios.

Fabiola García sinalou que a Xunta segue a avanzar na implantación deste novo modelo nos centros galegos. En concreto, avanzouse na creación dun censo de residentes único en España, o Cenres; nos vindeiros meses comezarase a estender o programa de habitacións intelixentes ao resto de residencias da rede pública autonómica; e tamén se poñerán en marcha os dous primeiros centros de coidados intermedios públicos de España.

Obras no exterior do centro

O Goberno galego tamén ten previstas obras de mellora neste centro residencial por un importe dun millón de euros. En concreto, renovarase a fachada exterior e buscarase dotar ao centro de maior accesibilidade, confort e funcionalidade.

Data de actualización: 10/09/2023