A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda achegouse en barco ata un dos puntos do trazado de 19 km polo que discorre a proba

Ángeles Vázquez anima aos 136 nadadores que compiten este ano na Tripla Coroa Illas Atlánticas a converterse en embaixadores do Parque Nacional no resto do mundo

Pon en valor a dureza da travesía que se disputa hoxe entre Ribeira e Sálvora, unha illa que, segundo dixo, cada ano atrae a un maior número de visitas, como demostran as preto de 7.000 persoas que pasaron por ela entre os meses de xullo e agosto

A Tripla Coroa é unha das competicións de natación en augas abertas máis longas de Europa e desde 2018 atrae a Galicia a deportistas de toda España e doutros países

Ribeira (A Coruña), 9 de setembro de 2023

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, subliñou hoxe o importante escaparate internacional que supón para Galicia a competición a nado Tripla Coroa Illas Atlánticas e animou aos 136 participantes deste ano a converterse en embaixadores do Parque Nacional e dos seus valores patrimoniais e medioambientais no resto do mundo.

Antes de saír desde o porto de Aguiño, en Ribeira, para achegarse en barco ata un dos grupos de nadadores que estaban disputando a proba, a responsable autonómica puxo en valor a dureza desta competición en augas abertas, que vai xa pola súa terceira edición e se consolida ano tras ano como un escaparate internacional de gran valor para dar a coñecer lugares emblemáticos de Galicia e, particularmente, das Illas Atlánticas.

Dividida en tres probas anuais de ultrafondo, hoxe disputouse a segunda, cun percorrido total de 19 quilómetros entre a illa de Sálvora e o municipio de Ribeira. En concreto, os primeiros nadadores saíron ás 08,45 horas da praia do Almacén, en Sálvora, en dirección á praia ribeirense de Coroso, o punto escollido nesta ocasión para rematar a carreira.

Tras lembrar que a Tripla Coroa comezou a disputarse no ano 2018 e desde aquela primeira edición conta co apoio e colaboración da Xunta, a vicepresidenta salientou que esta é a primeira vez que unha das probas remata na provincia da Coruña e a terceira que os nadadores participantes compiten en augas da Ría de Arousa.

Un dos principais atractivos da travesía foi a saída desde Sálvora, un dos arquipélagos menos coñecidos do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia pero que nos últimos anos vén atraendo a un número de visitantes cada vez maior.

De feito e a poucos días de que remate a tempada estival, Ángeles Vázquez avanzou que entre os meses de xullo e agosto preto de 11.000 persoas se achegaron ata a illa Sálvora, un balance que supera en case 1.000 visitas o do mesmo período do ano anterior.

Todas as accións programadas no marco da Tripla Coroa serven para poñer en valor a riqueza natural e paisaxística de Galicia e, máis concretamente, do Parque Nacional, demostrando que a conservación da natureza é compatible co seu uso e desfrute a nivel deportivo e turístico.

Neste sentido, cómpre lembrar que ao longo da xornada de hoxe e de forma paralela á celebración da proba deportiva, familiares e acompañantes dos nadadores — procedentes de 14 comunidades autónomas e de países como México, Arxentina, Cuba, Portugal, Andorra e Francia— terán ocasión de coñecer Sálvora a través dun completo programa de actividades organizado polo persoal e a dirección do Parque Nacional.

En concreto, está prevista unha visita guiada pola illa para descubrir as súas principais especies de flora e fauna e tamén o seu patrimonio etnográfico e arquitectónico, haberá un concurso de fotografía e unha acción de voluntariado para limpar a praia do Almacén, punto de partida dos participantes. Por último, xa en Ribeira, farase outra visita con guía ao miradoiro da Pedra da Rá e o Castro da Cidá na que poderán participar, neste caso, tanto nadadores como acompañantes.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/09/2023