A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, visitou os participantes na última quenda de campamentos na Residencia de Tempo Libre da Xunta

A Xunta favorece o ocio educativo para persoas con discapacidade en Nigrán

As actividades do campamento ‘Natureza xunto ao mar’ acolle desde o pasado 1 de setembro a persoas con discapacidade de entre 15 e 50 anos

Nigrán (Pontevedra), 9 de setembro de 2023

A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, visitou esta mañá os participantes da última quenda de campamentos de verán da Xunta na Residencia de Tempo Libre de Panxón, en Nigrán. A actividade ‘Natureza xunto ao mar’ acolle desde o 1 de setembro a persoas con discapacidade de entre 15 e 50 anos.

A directora xeral lembrou que a campaña de verán da Xunta é unha referencia a nivel estatal por ser a máis ampla —máis de 11.200 prazas ofertadas entre distintas actividades, 400 máis que o ano pasado—pero tamén por ser a máis inclusiva e accesible. Neste sentido, apuntou que todos os campamentos están a disposición das persoas con discapacidade e das súas familias.

Deste xeito, Begoña Abeijón sinalou que se favorece a plena inclusión destas persoas que teñen a oportunidade de pasar uns días de ocio educativo e de tempo libre nas mellores paraxes de Galicia. Paralelamente, o Goberno galego pon a disposición das familias unha orde específica para mozos con discapacidade, que este ano ofertou 250 prazas.

Data de actualización: 09/09/2023