A Xunta inicia a desmontaxe do taboleiro da ponte de Ponte Arnelas, avanzando nos traballos de retirada da actual estrutura metálica

A reconstrución da ponte entra nunha nova fase co corte das capas de formigón e de aglomerado para a retirada do taboleiro por “tabletas”, tarefas que se prevé terán unha duración de entre 3 e 4 semanas


A solución de reconstrución, trasladada aos concellos de Vilanova de Arousa e Ribadumia, centrarase nun dos 5 vans da ponte, no treito que vai sobre o río


As obras suporán un investimento da Xunta de máis de 5,3 millóns de euros e mudarán a fisionomía da ponte, que gañará en estética e integración
 

Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2023

A Xunta está a iniciar a desmontaxe do taboleiro da ponte de Ponte Arnelas, avanzando nos traballos de retirada da actual estrutura metálica.

 

As actuacións de cara á reconstrución da ponte entran así nunha nova fase, centradas no corte das capas de formigón e de aglomerado para poder proceder á retirada do taboleiro.

 

Para a desmontaxe do taboleiro, é necesario facer cortes perpendiculares coma se fose un damero, e ir retirando por “tabletas”, polo que primeiro realizáronse cortes lonxitudinais, traballos que xa están rematados.

 

Neste momento están a realizarse os cortes transversais, o que permite, a medida que se van completando, ir retirando as “tabletas” cun guindastre. Esta tarefa prevese que terá unha duración de entre tres e catro semanas.

 

Esta nova actuación desenvólvense tras terse executado os traballos de apuntalamento e arriostramento transversal do ponte, o desmonte dos peitorís de formigón, a colocación da tubaxe provisional de abastecemento e desmonte da tubaxe de abastecemento na ponte e a instalación de barreiras antiturbidez e de lonas para evitar contaminación no río.

 

Nas seguintes semanas, unha vez realizada a desmontaxe do taboleiro, procederase á execución dun pequeno recheo no río para o posicionamento de guindastres para desmonte da estrutura metálica e a súa posterior retirada.

 

Os traballos continuarán coa execución da nova estrutura ao tempo que se rematará a definición do deseño da nova estrutura metálica para iniciar a súa fabricación.

 

Reconstrución da ponte

Todas estas intervención forman parte da solución definitiva para a reconstrución da ponte, xa trasladada aos concellos de Vilanova de Arousa e de Ribadumia. Neste sentido, a Xunta segue a avanzar na reconstrución de ponte de Ponte Arnelas que suporá un investimento autonómico de máis de 5,3 millóns de euros.

 

Cómpre lembrar que, tras detectarse en abril danos en varias péndoas que provocaron que a calzada cedese parcialmente, a Xunta comezou a traballar de inmediato para acometer esta importante intervención sobre o treito do río, que suporá mudar a tipoloxía e a fisionomía da ponte, que perderá o seu arco e os seus tirantes, pero gañará notablemente en estética e integración.

 

Concretamente, intervense só nun dos 5 vans da ponte, é dicir, só na parte que vai sobre o río. Para iso, o primeiro que se ten que facer e segundo están desenvolvéndose os traballos, é a desmontaxe desa parte do viaduto para, de seguido, acometer á súa reconstrución.

 

Na reconstrución reforzarase a cimentación da ponte e montarase a nova estrutura metálica sobre a que, posteriormente, se colocarán as prelousas, que serán prefabricadas para axilizar os prazos. A partir de aí será necesaria unha fase de traballo sobre o terreo en ferrallado, impermeabilización, pavimentación, pintado, instalación de peitorís, etc.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/09/2023