A Xunta garante a atención integral das mulleres xordas que sofren violencia de xénero en acordo coa Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade apoia con 20.000 euros as medidas da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (Faxpg) para ofrecer atención adaptada ás necesidades das mulleres xordas e xordo-cegas

O Goberno galego asegura apoio psicolóxico e interpretación de lingua de signos ás mulleres con discapacidade auditiva que sofren violencia de xénero desde o momento en que presentan unha denuncia

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2023

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade renova o convenio de colaboración coa Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG) para garantir unha atención integral ás mulleres xordas e xordo-cegas que sufran violencia de xénero. A Xunta de Galicia apoia esta iniciativa con 20.000 euros, que se suman ás contías recibidas pola Faxpg desde o 2019 no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

O Goberno galego ofrece apoio psicolóxico e un servizo de intérpretes de lingua de signos desde o momento en que se presenta unha denuncia por violencia de xénero co fin de garantir unha atención personalizada. Ao mesmo tempo, as mulleres obteñen acceso aos recursos e servizos nas situacións ante as que se amosan máis vulnerables polas barreiras comunicativas que poden padecer.

O convenio inclúe a organización de cursos e obradoiros para a formación específica en materia de violencia de xénero dos profesionais e futuros profesionais de atención especializada da entidade. Tamén se contempla a organización de xornadas e talleres para persoas xordas co fin de sensibilizar e previr situacións de violencia de xénero, así como a realización de traballos para elaborar e adaptar materiais específicos para a sensibilización e prevención de situacións de violencia.

A nova Lei de igualdade que a Xunta de Galicia está a tramitar no Parlamento de Galicia recoñecerá por primeira vez a discriminación múltiple e interseccional da muller, que corresponde aos supostos nos que varias causas dificultan aínda máis o desenvolvemento persoal e social das afectadas, como poden ser, entre outras, a discapacidade, a etnia, etc. Traballos como o desenvolvido nestas últimos anos coa Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia evidencian este compromiso que agora quedará referendado nun texto legal.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/09/2023