A Xunta traballa con Acadar e Cogami no deseño de iniciativas para combater a violencia dixital contra as mulleres con discapacidade

A secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, mantivo un encontro con representantes de ambas as dúas entidades coas que colabora desde hai anos para apoiar a integración social e laboral e previr as violencias que atentan contra este colectivo

Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2023

A secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, mantivo unha xuntanza con representantes da Asociación de Mulleres con Discapacidade (Acadar) e da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) para avanzar na posta en marcha de novas iniciativas para combater a violencia dixital e apoiar a integración social e laboral das mulleres con discapacidade. O encontro celebrouse no marco da colaboración que desde hai anos mantén a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade con ambas as dúas entidades.

Tal e como destacou a secretaria xeral, o encontro permitiu facer balance do convenio de colaboración entre a Xunta e Acadar  para sensibilizar contra a violencia sexual dixital nas mulleres e nenas con discapacidade. Grazas ao mesmo, esta entidade realizou unha guía específica para axudar a previr, identificar e detectar estas manifestacións violentas en todas as súas vertentes.

Na actualidade, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade está a apoiar tamén, por quinto ano consecutivo, o programa Enrédate, desenvolvido por esta entidade. Sandra Vázquez destacou a importancia desta iniciativa que se dirixe a mulleres en situación de vulnerabilidade co obxectivo de promover a igualdade especialmente das que residen en zonas pouco poboadas. Na actualidade toman parte das actividades mulleres con discapacidade de Arzúa, Lousame, A Estrada, Curtis, Melide, Ordes e Santa Comba. Co programa trabállase tanto de forma individual como grupal, co obxectivo de potenciar as capacidades e competencias das participantes para o desenvolvemento dunha vida autónoma.

A Xunta colabora desde 2019 con Acadar tamén na financiación de campañas de sensibilización e prevención da violencia sexual nas mulleres con discapacidade, así como no mantemento do servizo Dedaleira, especializado en brindar asesoramento afectivo-sexual ás persoas que viviron ou están a vivir situacións de abusos.

Cogami, pola súa banda, recibiu este ano financiación da Secretaría Xeral da Igualdade para desenvolver un servizo de atención especializada á muller con discapacidade. Tal e como subliñou Sandra Vázquez, trátase de dar resposta ás súas necesidades, especialmente daquelas que se atopan en risco tras vivir situacións de violencia. Por este servizo, que estivo atendido por profesionais de traballo social dos centros de Cogami na Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo e Vigo pasaron un total de 80 mulleres con discapacidade.

A Xunta mantén un compromiso firme na sensibilización e no traballo de prevención da violencia de xénero e de promoción da igualdade, que ten como colectivo prioritario ás mulleres máis vulnerables. Para avanzar neste obxectivo conta coa colaboración permanente de entidades como Cogami e Acadar, que traballan en contacto directo con estas mulleres e mozas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/09/2023