O director da Axencia Galega da Industria Forestal interveu na Comisión 7ª do Parlamento xunto con outros altos cargos da Consellería do Medio Rural

A Xunta reafirma a súa aposta pola industria forestal-madeira e prevé que este sector acade o seu récord de facturación no 2022

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria salientou que a oferta formativa de Medio Rural increméntase ano a ano e, no que atinxe ao ensino regrado, supón un total de 328 prazas no presente curso académico, cunha suba do 9 % sobre o anterior

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural respondeu unha pregunta sobre as previsións para os proxectos de pequenas e medianas explotacións gandeiras no polígono agroforestal de Curtis

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias puxo en valor que o sector galego da carne de vacún –principalmente en extensivo– está a experimentar este ano unha inxección directa de 104 millóns de euros

Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2023

O director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, respondeu esta mañá na Comisión 7ª do Parlamento unha pregunta relacionada coas actuacións levadas a cabo pola Xunta para impulsar a industria forestal-madeira na nosa comunidade. En primeiro lugar, destacou o Inventario Forestal Continuo de Galicia, que conseguiu crear unha radiografía adaptada á realidade dos nosos bosques, co fin de converterse nun recurso de consulta básico para a toma de decisións políticas públicas ou empresariais relacionadas co sector.

 

De seguido, fixo referencia á facturación conxunta dos subsectores principais da cadea de valor forestal madeira, que ascendeu aos 2.578 millóns no ano 2021. Isto supón un aumento dun 29 % con respecto á estimada en 2020 e o máximo histórico da serie dende 2006. Ademais, segundo indicou o director, as estimacións para o ano 2022 indican que a facturación podería acadar o seu propio récord, chegando aos 2.700 millóns de euros. Seguindo nesta liña, enxalzou a aposta da Xunta neste eido e destacou que no último ano a Axencia convocou axudas por un importe total de preto de 24,3 millóns de euros.  Jacobo Aboal referiuse ao cambio climático e á descarbonización como unha das máximas da Axencia, materializadas a través do fomento de construcións que incorporen madeira galega. Neste sentido, destacou o Acordo de Colaboración co Servizo Galego de Saúde para a execución de Puntos de Atención Continuada (PAC) que se están a construír en madeira e a colaboración coa Dirección Xeral de Defensa do Monte na construción de novas bases de unidade operativa feitas integramente con madeira de Galicia.

 

Oferta formativa de Medio Rural

Pola súa parte, en resposta a unha pregunta sobre o particular, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, debullou os principais datos sobre a evolución da oferta formativa dos centros de formación e experimentación agraria da Consellería do Medio Rural. Así, salientou que esa oferta increméntase ano a ano e, no que atinxe á formación regrada, supón un total de 328 prazas no presente curso académico 2023-2024, o que representa unha suba de preto do 9 % en relación co curso anterior e de ata un 17,4 % respecto ao curso 2021-2022. A maiores, o director sinalou que o persoal formado nos diferentes centros dependentes da Axencia ten un alto grado de cualificación, que o fai especialmente atractivo para a súa inserción no mercado laboral. En relación co ensino on line, Cabarcos valorou que a actualización das formacións capacitantes e habilitantes permite unha formación de alta calidade, intuitiva e atractiva.

 

Polígono agroforestal de Curtis

Por outra parte, a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, interveu nesta Comisión 7ª para responder unha pregunta sobre as previsións para os proxectos de pequenas e medianas explotacións gandeiras no polígono agroforestal de Curtis, na provincia da Coruña. Neste sentido, lembrou que esta figura, enmarcada na Lei de recuperación da terra agraria, ten como obxectivo -entre outras cuestións- aumentar a base territorial das explotacións existentes nas zonas, así como articular base territorial para novos proxectos agrícolas, gandeiros ou forestais. Ademais, sinalou que os polígonos agroforestais precisan da autorización dun 70 % das persoas titulares das terras que incluídas no seu perímetro. De non alcanzarse esa porcentaxe, resolverase o arquivo do procedemento. Esta medida ten como obxectivo garantir a participación e representación dos propietarios ao longo do proceso.

 

Apoio da Xunta ao vacún de carne

Pola súa banda, en resposta a outra pregunta, o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, puxo en valor que o sector galego da carne de vacún –principalmente en extensivo– está a experimentar este ano unha inxección directa de 104 millóns de euros. Neste mesmo sentido, o director xeral trasladou tamén que os 12 millóns de euros comprometidos a maiores polo Goberno galego para implantar unha liña de axudas directas ligadas á produción de carne de calidade serán tamén unha realidade, coma os demais compromisos adquiridos polo Executivo con este sector.

 

Prevención de incendios forestais

Pola súa parte, o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, destacou que a Xunta incrementou en preto do 40 % os fondos destinados a cada un dos concellos asinantes do convenio coas entidades locais para prevención e defensa fronte o lume. Ademais, explicou outras medidas que inciden na mellora das condicións para os concellos asinantes, entre as que destacou as novas actuacións subvencionables e o aumento de prezos unitarios nos traballos preventivos das brigadas municipais. Tamén, a simplificación dos trámites, o reforzo da formación e a ampliación das titulacións admitidas para o posto de xefe de brigada, para facilitar a contratación deste persoal.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/09/2023