As unidades funcionais multidisciplinares de atención á muller postas en marcha polo Sergas levan realizadas preto de 40.000 consultas

Trátase das unidades funcionais de mama, que iniciaron a súa formalización en abril de 2022; e as de solo pelviano, implantadas en novembro do pasado ano

Tamén o Sergas ten unidades multidisciplinares funcionais poscovid e para enfermidades raras, que no seu conxunto xa fixeron máis de 30.000 consultas

Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2023

O director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal, destacou hoxe, na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, en resposta a unha pregunta dun dos grupos da Cámara, os avances realizados polo seu departamento no ámbito “dunha nova forma de atención multidisciplinar que estase a consolidar no Sergas, como é a creación e posta en funcionamento de Unidades Funcionais Multidisciplinares”.

En concreto, no marco da atención á muller, e como prioridade nas políticas sanitarias da Xunta, as Unidades Funcionais Multidisciplinares postas recentemente en funcionamento en todas as áreas sanitarias son as de mama, que iniciaron a súa formalización no mes de abril do pasado ano, e xa realizaron 38.061 consultas; e as de solo pelviano, implantadas nas sete áreas en novembro do pasado ano, e que xa realizaron 1.726 consultas.

Jorge Aboal dixo que o Sergas tamén ten implantadas Unidades Funcionais Multidisciplinares Poscovid, que funcionan dende marzo de 2021 nas sete áreas sanitarias, e xa realizaron 27.790 consultas; e Unidades Funcionais Multidisciplinares para Enfermidades Raras, que iniciaron os seus traballos en outubro do ano 2021 nas áreas sanitarias da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, e xa fixeron 2.244 consultas.

Tal e como detallou o director xeral na súa intervención, as unidades de mama están conformadas por profesionais de cirurxía xeral, xinecoloxía, radioloxía, oncoloxía médica, anatomía patolóxica, psicoloxía, cirurxía plástica e enfermería. As unidades de solo pelviano as forman especialistas de xinecoloxía, rehabilitación, uroloxía, cirurxía xeral, fisioterapia e enfermería especializada (matrona).

Polo que atinxe ás unidades poscovid, están compostas por especialistas de neumoloxía, medicina interna e enfermería. Pola súa parte, as unidades de enfermidades raras as integran especialistas de medicina interna, pediatría e enfermería.

Comité clínico

Tamén destacou Aboal, como punto clave no funcionamento destas unidades, o comité clínico de cada unha delas, que en función do caso a tratar, incorpora máis profesionais doutras categorías e especialidades médicas, que poidan facer achegas.

O director xeral do departamento sanitario galego sinalou que a creación e posta en funcionamento destas unidades do Sergas tivo o seu impulso na publicación, en novembro de 2021, da orde que regula a creación, composición, organización e funcionamento das mesmas. O principal propósito coa posta en funcionamento destas unidades “é conseguir unha atención de máxima calidade a determinadas patoloxías que requiran dunha intervención profesional multidisciplinar”.

Estamos a falar, -dixo Aboal-, de dispositivos asistenciais encargados das actividades que abranguen “o diagnóstico, seguimento e tratamento dos pacientes cunha determinada patoloxía, aplicando os mesmos protocolos dentro da rede dos centros asistenciais do Sergas, reducindo a variabilidade clínica e garantido unha maior equidade na atención sanitaria”. Ademais, estas unidades facilitan a mellora continúa, “xa que contan con indicadores de actividade, de calidade e de resultados”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/09/2023