A Casa de Galicia en Madrid acolle a presentación da nova edición do programa Outono Gastronómico no turismo rural

Un total de 79 establecementos turísticos das catro provincias participan na iniciativa desestacionalizadora, que se celebrará entre o 15 de setembro e o 17 de decembro

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, presentou o programa en Madrid por ser esta comunidade o primeiro mercado nacional para o destino galego grazas ao AVE

Madrid, 7 de setembro de 2023

A Casa de Galicia en Madrid acolle hoxe unha presentación da 17ª edición do Outono Gastronómico de Turismo Rural, un programa que se desenvolverá do 15 de setembro ao 17 de decembro en 79 establecementos de turismo rural galegos co obxectivo de dar a coñecer o programa no mercado madrileño. “Grazas ao AVE detectamos un incremento na chegada de viaxeiros vía Madrid polo que queremos seguir reforzando a promoción nesta comunidade que é o noso principal mercado nacional”, explicou o director de Turismo de Galicia.

Xosé Merelles estivo acompañado na presentación polo presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal e o presidente da Federación Galega de Turismo Rural (FEGATUR), Francisco Almuíña. Todos eles coincidiron en destacar o existosa dunha iniciativa plenamente consolidada e que permite seguir promovendo a oferta turística galega fóra da tempada estival, especialmente nos aloxamentos de turismo rural.  

Neste sentido, Merelles puxo en valor as máis de 85.000 persoas que participaron ao longo das edicións anteriores e que xeraron no sector turístico rural máis de 5,3 millóns de euros coas súas estadías nos establecementos de turismo rural adheridos ao programa.

Todas as súas propostas de actividades, menús e estadías, así como o programa Outono Plus, poden consultarse na web de Turismo de Galicia.

Como en anteriores edicións, o programa Outono Gastronómico en Turismo Rural de Galicia pódese consultar na web de Turismo.gal e permite gozar de menús especiais así como contar co aloxamento ou cun programa de fin de semana. Ademais, un total de 24 dos establecementos adheridos ofertan “Outono plus”, no que se ofrecen actividades complementarias como paseos a cabalo ou rutas en kayak.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/09/2023