A secretaria xeral técnica da Consellería de Política Social e Xuventude, María Francisca Gómez, compareceu hoxe na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego

A Xunta defende o funcionamento do sistema de inspección de servizos sociais

Lembra que tan só ten información sobre a planificación das visitas de inspección o propio persoal inspector e funcionarios de carreira da Subdirección de Autorización e Inspección de Servizos Sociais

Nega rotundamente que se advirta previamente aos centros das datas das visitas de inspección e sinala que se trata de acusacións moi graves que desprestixian un servizo público e xeran inseguridade aos usuarios e ás súas familias

Apunta que tan só se concertan as visitas cando se trata de autorizar o inicio das actividades en centros que aínda non están en funcionamento

Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2023

A secretaria xeral técnica da Consellería de Política Social e Xuventude, María Francisca Gómez, defendeu o funcionamento do sistema de inspeccións de servizos sociais durante a súa comparecencia esta tarde na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego. Durante a intervención, negou rotundamente que se advirta previamente aos centros das datas das visitas e sinala que se trata de acusacións moi graves que desprestixian un servizo público e xeran inseguridade aos usuarios e ás súas familias.

A secretaria xeral técnica lembrou así mesmo que tan só ten información sobre a planificación das visitas de inspección o propio persoal inspector e funcionarios de carreira da Subdirección de Autorización de Inspeccións de Servizos Sociais. Así mesmo, apuntou que realizan o seu traballo con total independencia e transparencia e que en ningún caso se avisa a un centro dunha futura visita nin se deixa de abrir expedientes, nin sucesivas sancións en caso de identificar irregularidades nun centro.

Neste sentido, concretou que tan só se concertan visitas cando se trata de autorizar o inicio das actividades en centros que aínda non están en funcionamento, é dicir, en centros que están baleiros, sen usuarios e sen actividade. Esta visita consiste unicamente en comprobar que a obra realizada coincide co proxecto arquitectónico presentado e o aviso ten como obxectivo que estea a persoa responsable no centro para acompañar ao inspector.

Data de actualización: 07/09/2023