A Xunta mellora o firme de cinco vías autonómicas cunha actuación que supera os dous millóns de euros

O delegado territorial destacou a importancia de manter en boas condicións as estradas de titularidade autonómica para mellorar a seguridade de todos os usuarios

As obras están a realizarse sobre cinco vías que pasan polos concellos de Caldas de Reis, Meis, Sanxenxo, Barro, Pontevedra, Poio, Vilagarcía e O Grove
 

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 7 de setembro de 2023

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o concello de Vilagarcía de Arousa. En concreto, a zona de Carril por onde pasa unha das estradas nas que a Xunta está a desenvolver unha actuación de mellora do firme. A dita actuación beneficia a varias estradas que pasan polos concellos de Caldas, Meis, Sanxenxo, Barro, Pontevedra, Poio, Vilagarcía e O Grove e conta cun investimento da Xunta de máis de dous millóns de euros.

A actuación está a mellorar a VG-4.1; a VG-4.7; a AG-4.1; a PO-531 e a PO-306. En concreto estase a reparar o firme mediante fresado e reposición das zonas se atopan deterioradas. Ademais a actuación contempla a aplicación dunha nova capa de rodaxe nalgúns tramos. As obras serán aproveitadas para repoñer a pintura da calzada, así como os símbolos e cebreados en todo o tramo de actuación. Desta forma preténdese mellorar a seguridade dos miles de condutores que cada día circulan por estas vías.

En concreto, na zona visitada polo delegado territorial, a VG-4.7, estase a traballar en toda a lonxitude da estrada, desde o quilómetro 0+000 ata o 7+540. A primeira fase de fresado, que retirou unha capa de preto de cinco centímetros de espesor, deu lugar á reposición do firme debidamente aplicado e que deixou a estrada lista para o tránsito. Actualmente as obras atópanse na última fase.

Reguera destacou a importancia destas actuacións e o traballo constante da Xunta por mellorar as vías das que é titular para garantir a seguridade viaria e minimizar os riscos para os condutores. “Son actuacións que se están a levar a cabo por toda a provincia e nas que estamos a investir millóns de euros. A seguridade viaria é unha prioridade e debemos tratala como tal”.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/09/2023