Rueda anuncia que a Xunta aproba o decreto que facilita que baixos comerciais sen uso poidan reconverterse en vivendas

Asegura que busca “facilitar” unha nova utilización dos baixos que levan tempo baleiros e que, en moitos casos, “contribúen a degradación dos casos urbanos”

Lembra que este decreto actualiza as normas de habitabilidade de Galicia, aprobadas hai 13 anos e que regulan as condicións que deben cumprir as vivendas novas ou rehabilitadas

A vicepresidenta segunda asegura que as modificacións introducidas contribuirán a aumentar a oferta de vivendas na comunidade e baixar os prezos dos alugueiros

Serán as administracións locais as que terán que determinar as zonas en que se poderá eximir a estes baixos dos requisitos de privacidade ou rebaixar os criterios

Tamén se flexibilizan as condicións que debe ter unha vivenda para ser considerada exterior e se eliminan redundancias co resto da lexislación sectorial vixente
 

Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Goberno autonómico aprobou o decreto polo que se modifican as normas de habitabilidade de Galicia do ano 2010 e que, como principal novidade, facilitará en determinados supostos que baixos comerciais e entrecháns abandonados ou sen actividade, e localizados en contornas urbanas, poidan reconverterse en vivendas.

“Non se trata de eliminar comercios para substituilos por vivendas senón de facilitar que aqueles baixos que levan moito tempo baleiros en moitos casos degradando os casos urbanos poidan ter a a posibilidade dunha segunda utilización”, explicou Rueda, quen lembrou que, aínda que xa é posible a reconversión deste tipo de locais para uso residencial, era necesaria unha actualización da normativa para “axilizar e actualizar os requisitos” exixidos que “dificultaban” na práctica esta transformación.

A modificación foi promovida pola Xunta cunha dobre finalidade: ofrecer solucións efectivas a problemas derivados dos cambios socioeconómicos e estruturais que sufriu a sociedade galega nos últimos anos e adecuar certos aspectos da normativa de habitabilidade vixente en Galicia, co fin de simplificar a súa aplicación e eliminar redundancias co resto da lexislación sectorial.

Nesta liña, a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, asegurou que a actualización da normativa de habitabilidade vai facilitar, por unha banda, a existencia “dun maior número de vivendas e que haxa alugueiros máis baixos” ante o aumento da oferta e por outra, “garantir a calidade de vida dos galegos a través de vivendas dignas”.

En concreto e tendo en conta os 13 anos transcorridos desde a aprobación do primeiro decreto de habitabilidade, considerouse necesario contrarrestar o abandono de locais comerciais detectado sobre todo nalgunhas zonas das cidades e evitar a súa progresiva degradación con medidas que faciliten que se poidan transformar en vivendas, unha vez que quedan baleiros e sen expectativas de recuperación do seu uso orixinal. Deste xeito, ademais, contribúese a reforzar a oferta residencial en contornas urbanas.

O cambio máis relevante introducido con este decreto é o de favorecer ou facilitar a reconversión de baixos en vivendas cando se dean este tipo de situacións, permitindo agora aos concellos facer excepcións e simplificar as esixencias necesarias para garantir a intimidade dos residentes en determinados ámbitos, sempre que estea debidamente xustificado por razóns urbanísticas ou de protección patrimonial da zona.

A tal fin, mantense con carácter xeral a esixencia de protección de vistas nas vivendas resultantes da reconversión de locais comerciais en planta baixa, pero serán as administracións municipais as que poderán delimitar certos ámbitos nos que se exima do cumprimento destes requisitos, ou ben se maticen para que resulten máis fáciles de cumprir, mediante a tramitación dun anexo de habitabilidade. Na práctica, isto permitirá, por exemplo, que baixos cunha altura de 2,5 metros poidan transformarse en vivendas cando antes se requiría un mínimo de 3,2 metros.

Así mesmo, tamén se flexibilizan as condicións que debe cumprir unha vivenda para ser considerada exterior. Co cambio aprobado, facilítase a delimitación dos tipos de espazos exteriores aos que se deben abrir as vivendas para ter tal consideración, ao permitir aos concellos definir cales son estas zonas sen necesidade de acometer unha modificación do seu planeamento urbanístico, co aforro de tempo e recursos que isto implica.

Ademais, no caso concreto de vivendas localizadas en cascos históricos, antes esixíase que 2 das habitacións principais (salón e dormitorios) tivesen saída ao exterior pero a partir de agora a segunda estancia exterior poderá ser tamén a cociña. Ademais, o diámetro mínimo establecido para que os patios de mazá computen como zonas exteriores de calidade redúcese de 0,7 metros a 0,5 metros.

Por último, a modificación elimina tamén aspectos que poden ser redundantes co resto da lexislación sectorial vixente debido aos anos transcorridos desde a súa aprobación, ao tempo que clarifica e corrixe cuestións funcionais que afectan á habitabilidade dos domicilios co fin de adaptalas ás circunstancias actuais do mercado ou para que sexan máis operativas, como poden ser, por exemplo, a disposición dos elementos nos baños e aseos das vivendas ou certas determinacións relativas a tendais e lavadoiros.

Cambios moi debatidos

Tal e como destacou a vicepresidenta segunda, este decreto é froito “do consenso” e contou cun amplo respaldo “tanto de propietarios coma do sector”. Todos os cambios introducidos nas normas de habitabilidade foron analizados e debatidos no seo do Observatorio de vivenda de Galicia e tamén no Comité asesor de habitabilidade, un órgano de carácter consultivo que mantivo tres reunións o ano pasado co fin de concretar os posibles cambios e melloras.

Logo deste proceso, o anteproxecto de decreto someteuse a consulta pública e ao trámite de audiencia co fin de recadar a opinión de profesionais, administracións públicas e cidadanía en xeral, proceso que se saldou cun total de 38 suxestións presentadas por particulares, empresas do sector da construción e inmobiliario, arquitectos e algunha entidade local, entre outros. Tras recibir hoxe o visto e prace do Consello, o documento entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no DOG.

 


Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/09/2023