Emigración aposta por potenciar o eido de información laboral e fiscal básica na oficina integral de retorno en Ourense

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, visitou hoxe a sede situada na rúa Concello da cidade das Burgas onde destacou a aposta da Xunta polo retorno coa ampliación dos técnicos destinados a apoiar aos galegos do exterior nos eidos laboral, social e xurídico na súa volta a Galicia, que contará, ademais, como no resto de Galicia dende agora con asesoramento tributario e fiscal básico
 

Recordou que a Administración autonómica ten cinco sedes situadas en Santiago de Compostela, A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo
 

A nivel galego, superáronse as 60.000 consultas, tanto persoais como telefónicas e telemáticas dende a súa posta en marcha en 2020, das que na oficina de Ourense atendéronse máis de 2.700 consultas
 

Entre as axudas que poden consultarse nesta oficina atópanse as Extraordinarias ao Retorno e as do Retorno Emprendedor, que teñen como obxectivo axudar á integración dos que regresan á sociedade galega e a posta en marcha de novos negocios, e que están abertas ata finais de setembro
 

Ourense, 07 de setembro de 2023 O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, visitou esta mañá, acompañado do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, a sede da Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retorno situada na rúa Concello da cidade das Burgas, onde xa foron atendidas, dende a apertura deste servizo en 2020, máis de 2.700 consultas. En toda Galicia superáronse as 60.000 consultas presenciais, telefónicas e telemáticas.

Miranda destacou o labor destas Oficinas Integrais de Asesoramento e Seguimento ao Retorno no acompañamento e axuda aos galegos do exterior que decidiron retornar a Galicia e comezar unha nova vida. “Trátase do punto de referencia esencial de todo o traballo da Estratexia Galicia Retorna que acabamos de ampliar cun segundo período ata 2026. Deste xeito, non só potenciamos os servizos, ampliando os programas de apoio ao retorno, senón tamén agora os servizos que, como a Oficina Integral ao Retorno, permiten garantir un regreso máis sinxelo e axeitado dos galegos que apostan pola nosa sociedade para o seu futuro”, engadiu o secretario xeral.

O secretario xeral da Emigración destacou especialmente a posta en marcha dun servizo de asesoramento fiscal básico “que facilitará información tributaria as persoas retornadas, unha información que detectamos estaba a ser moi solicitada polos usuarios da oficina”.

Entre as axudas que poden consultarse nesta oficina atópanse as Extraordinarias ao Retorno, que teñen como obxectivo axudar á integración dos que regresan á sociedade galega e que están abertas ata o 29 de setembro. Ata o momento, dende a posta en marcha desta iniciativa, a Xunta tramitou máis de 9.700 axudas neste senso. As contías máximas desta liña é de ata 6.000 euros, dependendo do número de persoas que conformen a unidade familiar.  Ademais, tamén se atopan abertas as Axudas ao Retorno Emprendedor, que permiten contar cun apoio entre 6.000 e 10.000 euros para o inicio dun negocio. Dende a súa posta en marcha, estas axudas xa contaron con máis de 600 beneficiados.

Miranda destacou “que este é só un exemplo do labor destas Oficinas Integrais de Asesoramento e Seguimento ao Retorno, que traballan no acompañamento e axuda aos galegos do exterior que decidiron retornar a Galicia e comezar unha nova vida”.  

Estas oficinas están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo e contan con persoal técnico, xurídico e social especializado que se encarga de informar e asesorar aos galegos do exterior cara a favorecer o retorno, así como de acompañar aos galegos retornados e aos seus familiares. Entre os seus labores atópanse atender as dúbidas en relación ás diferentes tramitacións burocráticas que se deben realizar ao regresar a Galicia, así como dar traslado tamén dos programas e axudas cos que poden contar nesta volta á comunidade autónoma. Tamén atenden os temas relacionados con educación, formación, laboral e social e, mesmo no caso dos familiares con outra nacionalidade, tamén asesoran de xeito básico no eido da estranxeiría, ofrecendo apoio continuo, tanto presencial como telemático.

Dende o comezo do seu funcionamento, como parte da Estratexia Galicia Retorna, as cinco oficinas integrais das catro provincias asesoraron a máis de 16.000 familias interesadas en coñecer as liñas de apoio coas que a Xunta de Galicia conta para axudarlles a consolidar o seu regreso, así como os canais existentes para homologar estudos, facilitar a tramitación da documentación persoal e a presentación de solicitudes de subvencións e prestacións.

Así, en total, atendéronse ata o momento, dende a posta en marcha da oficina en 2020, máis de 60.000 consultas, relacionadas con temas educativos (escolarización de menores, formación regrada, formación para o emprego, homologación de estudos...); sociais como asistencia sanitaria, autorizacións de residencia, axudas económicas, prestacións ou vivenda; ou laborais como información acerca do emprego por conta allea ou axudas ao autoemprego. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/09/2023