A Xunta abrirá un espazo de lecer no festival de cine ‘FICBUEU’ para facilitar a conciliación de familias que asisten ao certame

O servizo porase ao dispor das persoas interesadas entre os días 11 e 16 de setembro en horario de serán no Centro Social do Mar desta localidade

Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2023

A Xunta de Galicia, a través do Plan Corresponsables, apoia a apertura dun novo espazo de lecer que, con motivo da celebración do festival de cine FICBUEU, permitirá ás familias con menores a partir de 3 anos asistir ás seccións e actividades do certame cuxo contido non está deseñado para todos os públicos.  

O recurso quedará instalado en horario de tarde (de 17,00 h. a 19,00 h.) entre os días 11 e 16 de setembro, nos que se concentran as principais proxeccións da sección oficial, no Centro Social do Mar de Bueu. Ofrecerá actividades grupais supervisadas, mentres as persoas adultas (nais, pais, familiares ou titoras e titores) asisten ás sesións de cinema.

A Secretaría Xeral da Igualdade colabora tamén este ano na financiación da I Residencia FICBUEU, un programa formativo que se desenvolverá en outubro na Illa de Ons, aberto a 4 creadoras e creadores audiovisuais. Con esta iniciativa, apóstase polo acompañamento con titores profesionais ás persoas participantes que presenten un proxecto de curtametraxe cunha primeira versión de guión escrita para fortalecer as súas propostas.

O programa do FICBUEU prioriza a rotura da fenda de xénero e xeracional, promovendo a participación no proxecto de mulleres cineastas.

O Festival Internacional de Cinema de Bueu, que este ano se celebra entre o 9 e o 23 de setembro, é un certame creado en 2008 no que se presentan cada ano en torno a 120 filmes. Conta tamén cun amplo programa de actividades onde a formación, divulgación e desenvolvemento de proxecto cinematográficos que cada vez gañan máis relevancia.

Data de actualización: 07/09/2023