O delegado territorial da Xunta visitou esta mañá, acompañado da alcaldesa, o Castro de Cameixa, no concello de Boborás

Gabriel Alén destaca o esforzo da Xunta na conservación do patrimonio cultural e arqueolóxico da provincia de Ourense

O delegado territorial significou a importancia destas accións que teñen por obxecto acadar as medidas necesarias que garantan a conservación do castro e permitan a súa visita e aproveitamento sociocultural; pois “o noso patrimonio cultural é unha parte fundamental da nosa identidade como comunidade e a nivel individual

Para Gabriel Alén os bens arqueolóxicos poden ser unha importante fonte de recursos económicos, xerando unha serie de actividades económicas e oportunidades de emprego estable, ata o punto de converterse nunha panca para o desenvolvemento rural

O Castro de Cameixa foi un dos primeiros castros que se escavou con certa metodoloxía arqueolóxica e que aportou datacións absolutas de C14 que permitiron reformular os distintos períodos da cultura castrexa
 

Ourense, 6 de setembro de 2023  O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, desprazouse esta mañá ao concello de Boborás para achegarse, acompañado da alcaldesa, Patricia Torres, ao Castro de Cameixa, onde supervisou as novas actuacións arqueolóxicas de investigación e posta en valor deste xacemento programadas para este ano e que son financiadas pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades cunha achega de preto de 18.000 euros.

O delegado territorial significou a importancia destas accións que teñen por obxecto acadar as medidas necesarias que garantan a conservación do castro e permitan a súa visita e aproveitamento sociocultural; pois “o noso patrimonio cultural é unha parte fundamental da nosa identidade como comunidade e a nivel individual. Tamén – continuou o delegado- os bens arqueolóxicos poden ser unha importante fonte de recursos económicos, xerando unha serie de actividades económicas e oportunidades de emprego estable, ata o punto de converterse nunha panca para o desenvolvemento rural.

Para Gabriel Alén “o patrimonio implica un proceso de recoñecemento, habitualmente de varias xeracións, dalgúns elementos como parte da bagaxe cultura e a súa vinculación co sentimento de grupo; forma en que unha sociedade é recoñecida e presentada aos demais”. Por iso, “comprender o noso patrimonio cultural axúdanos a entender unha parte importante de quen somos e cal é a nosa posición no mundo e na vida en xeral”, recalcou Gabriel Alén.

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades tamén está a levar a cabo o vén de rematar distintas intervencións arqueolóxicas na provincia; no castro de Sansón de Camba, en Castro Caldelas (17.600€); no Castro de Armeá, en Allariz, (20.000€); na mámoa de Maus de Salas e no Foxo do Lobo, en Muíños, (40.000€), no Castro de Garcián, en Beariz (15.984€) no antigo Mosteiro de San Xoán de Camba, en Castro Caldelas (14.507€) ou no xacemento romano de Río Caldo, en Lobios (17.908€).

Tamén no xacemento arqueolóxico de Penedos do Castro, en Nogueira de Ramuín (17.804€), así como traballos de documentación en distintos fortes de terra da época moderna de provincia de Ourense (15.120€) ou controis arqueolóxicos en distintos castelos da Limia (16.940€).

Os traballos

O delegado territorial explicou que ademais de continuar cos traballos arqueolóxicos de investigación e rexistro deste xacemento arqueolóxico, tamén se realizarán labores de consolidación, restauración e acondicionamento das estruturas arqueolóxicas exhumadas de cara a súa conservación e posta en valor.

As actuacións a desenvolver consisten na limpeza e roza, baixo control arqueolóxico, da vexetación da zona de actuación e a súa contorna máis inmediata, isto é, a parcela de actuación e acceso á mesma.

Posteriormente levarase a cabo a escavación con metodoloxía arqueolóxica dunha área entre os 80 e os 100 m2, sita no ángulo sueste do castro. Sería unha ampliación cara ao nordés do escavado en campañas anteriores, xunto con outros 6 metros de muralla. Deste xeito, efectuarase unha diagnose, consolidación e acondicionamento das estruturas arqueolóxicas que se localicen nesta nova campaña, garantido en todo caso unhas condicións de conservación axeitadas para a súa visita.

Así mesmo, estase a facer un levantamento topográfico xeorreferenciado, mediante fotogrametría 3D, da área de actuación e debuxo arqueolóxico das estruturas exhumadas, e recopilarase documentación exhaustiva fotográfica da escavación arqueolóxica. Incluída a realización de vídeo e fotografía aérea con tomas xerais do xacemento e de detalle dos seus elementos máis significativos e da área de actuación, para a actualización do panel interpretativo do xacemento arqueolóxico.

Tamén se están a ultimar accións de difusión da actuación realizada (charlas, visitas...) e sobre os valores propios do xacemento arqueolóxico na comunidade local, así como visitas guiadas, unha vez rematada a actuación; o mesmo que a elaboración dunha memoria técnica no que se recollan os traballos realizados e os seus resultados.

O Castro de Cameixa

O Castro de Cameixa sitúase no concello ourensán de Boborás, en concreto, na parroquia de San Martiño de Cameixa, lugar de Cameixa. Trátase dun castro de obrigada referencia na bibliografía especializada debido a que foi un dos primeiros castros que se escavou con certa metodoloxía arqueolóxica (anos 40 do século XX) e que aportou datacións absolutas de C14 que permitiron reformular os distintos períodos da cultura castrexa. Presenta dous recintos amurallados e incluso outro antecastro máis exterior pero sen defensas ben definidas. Foi escavado nos anos corenta do século pasado por Florentino López Cuevillas e Xaquín Lorenzo Fernández deixando ao descuberto parte dun tramo de muralla xunto con dúas construcións circulares e unha cuadrangular. Froito da escavación exhumáronse restos cerámicos, pétreos, orgánicos (landras e legumes carbonizadas) e metálicos que abarcan un espectro cronolóxico que iría dende o século VI a.C. ata o I ou incluso II d.C.

Desde o ano 2018 estanse a levar a cabo campañas arqueolóxicas anuais para a posta en valor do dito xacemento: en 2018 procedeuse a seleccionar a zona de escavación partindo dos debuxos de Xaquín Lorenzo co gallo de localizar e exhumar os restos de estruturas que se rexistraron nas escavacións dos anos corenta, cuadriculando unha zona duns 100 m2. No ano 2019 procedeuse a seleccionar a zona de escavación cuadriculando unha zona duns 120 m2 (escavando unha superficie de 80 m2), e continuando coas xa escavadas no ano 2018. No ano 2020 procedeuse a cuadricular uns 80 m2 e continuouse cos restos estruturais atopados en 2019. O obxectivo era por un lado, completar o peche da estrutura cuadrangular que se superpón á circular no sector norte e por outro lado ampliar a escavación a unha zona non escavada por X. Lorenzo co fin de definir e comprobar datos estratigráficos e de materiais necesarios para seguir avanzando na investigación deste xacemento.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/09/2023