A Xunta comeza as obras do novo aparcadoiro disuasorio para o fomento do vehículo compartido en Vilagarcía de Arousa cun investimento de preto de 565.000 €

Executase un aparcadoiro de 59 prazas nas inmediacións da glorieta da vía de alta capacidade Cambados-Vilagarcía (VG-4.3) e da N-640, no lugar de Coruxo

O novo aparcadoiro disporá dunha franxa perimetral interior adxacente ás prazas para os itinerarios peonís e carrís de circulación que serán de sentido único

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2023

A Xunta vén de comezar a execución das obras dun aparcadoiro disuasorio para o fomento do vehículo compartido, asociado á implantación de zonas de baixas emisións, no concello de Vilagarcía de Arousa.

O novo aparcadoiro na comarca do Salnés, que suporá un investimento de preto de 565.000 euros e conta cun prazo de execución de 5 meses, sitúase nas inmediacións da glorieta da vía de alta capacidade Cambados-Vilagarcía (VG-4.3) e da N-640, no lugar de Coruxo.

En concreto, os traballos desenvólvense no recheo xa existente adxacente á glorieta do enlace da V.G.-4.3 coa N-640, de 1.950 m2 . O obxectivo da actuación é habilitar un total de 59 prazas de aparcadoiro, 9 delas en liña e o resto en batería. Do total de prazas, 2 estarán reservadas para vehículos adaptados á persoas con mobilidade reducida.

 

O novo aparcadoiro disporá dunha franxa perimetral interior adxacente ás prazas para os itinerarios peonís e carrís de circulación que serán de sentido único.

 

Polo perímetro exterior do aparcadoiro disporase unha franxa verde de 1,30 metros de ancho na que irá o arborado e o alumeado.

 

Ademais, na marxe dereita das prazas en liña que se atopan no bordo este, disporase unha franxa de lastro de 1 metro para facilitar o descenso dos usuarios do vehículo, cunha varanda de madeira de 90 centímetros de alto e 40 metros de largo. Na súa marxe esquerda disporase dunha franxa de 1,50 metros en formigón como itinerario peonil. Para o acceso a este aparcadoiro será necesario acondicionar o viario de acceso existente.

 

A actuación forma parte dos proxectos promovidos pola Xunta ao abeiro dos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia Next Generation UE no impulso da transformación da mobilidade nas contornas urbanas, apostando por desprazamentos máis limpos e sostibles.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/09/2023