A Xunta pon en valor o compromiso de Repsol con Galicia a través do desenvolvemento de novos proxectos enerxéticos

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, reuniuse coa directiva do complexo industrial da Coruña

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2023

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, mantivo un encontro de traballo coa directiva do complexo industrial que Repsol ten na Coruña. O motivo da reunión era coñecer o estado dos proxectos que a compañía enerxética está a desenvolver en Galicia para avanzar no seu obxectivo cara a transición enerxética e a descarbonización.

Neste sentido, Lorenzana puxo en valor o compromiso de Repsol coa Comunidade, que se materializa no desenvolvemento de importantes proxectos enerxéticos como a inauguración este ano do terminal marítimo no porto exterior da Coruña, unha infraestrutura que está permitindo o traslado de operacións.

Tamén destacou a alianza de Repsol con Naturgy e Reganosa para a instalación dunha planta de hidróxeno renovable en Meirama. Esta iniciativa recibiu a declaración por parte da Xunta de Proxecto Industrial Estratéxico (PIE) e foi seleccionada como beneficiaria dunha axuda de 15 M€ do programa europeo de incentivos á cadea de valor innovadora e de coñecemento do hidróxeno renovable. O proxecto será unha peza fundamental do hub do hidróxeno verde que se pretende desenvolver na contorna de Meirama e o porto exterior da Coruña.

Ademais, estas tres mesmas empresas colaboran tamén noutro importante proxecto para a Comunidade como é o centro de produción de fertilizantes e biometano, tamén en Meirama.

Lorenzana trasladou que empresas como Repsol e outras compañías que apostan polos novos modelos enerxéticos contarán co apoio do Goberno galego con facilidades de financiamento e asesoramento, ademais de certezas, cun marco legal que garante a iniciativa privada e que simplifica os procedementos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/09/2023