A Xunta saca a concurso a explotación dunha planta de cultivos mariños no porto de Tragove, en Cambados

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio para o outorgamento dunha concesión por un prazo máximo de 50 anos

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2023

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, sacou a concurso a explotación das instalacións dunha planta de cultivos mariños no porto de Tragove, no municipio pontevedrés de Cambados. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o anuncio da licitación para o outorgamento dunha concesión administrativa para esta actividade.

Os documentos e pregos do concurso están dispoñibles para os interesados na plataforma de Contratos de Galicia, no perfil do contratante, e na páxina web de Portos de Galicia (www.portosdegalicia.gal). Os interesados teñen de prazo ata o día 6 de outubro para presentar as súas ofertas.

O obxectivo de Portos de Galicia é recuperar e poñer en servizo unhas instalacións que inclúen, entre outras superficies, unha nave de traballo de 3.000 metros cadrados con piscinas anexas. Deste xeito promóvese a actividade portuaria e a reactivación de espazos públicos que agora están sen uso.

O anuncio do DOG establece que o prazo máximo da concesión será de 50 anos e permitirá acoller, ademais da propia actividade de cultivos mariños, outras de carácter complementario ás portuarias.

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 06/09/2023