A Xunta defende o modelo turístico galego actual como un paradigma de éxito que permitiu poñer a Galicia de moda

O director de Turismo de Galicia compareceu no Parlamento poñendo en valor os resultados acadados e avanzando que a Xunta traballa xa na seguinte folla de ruta para o turismo galegos nos vindeiros anos.

Xosé Merelles destacou a oferta turística diversificada e de calidade que permitiu poñer en valor os recursos turísticos endóxenos con productos e iniciativas que permitiron avanzar na desestacionalización

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2023

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, compareceu esta mañá diante da Comisión 6ª para poñer en valor o modelo turístico galego, un modelo de excelencia que se amosou de éxito ao longo deste tempo e que permitiu a Galicia non só afrontar mellor a pandemia da COVID19 se non que posibilitou que o noso territorio se puxera de moda.

Cicloturismo, turismo activo, rutas polas estradas galegas, miradoiros, rutas gastronómicas e, por suposto, o Camiño de Santiago, conforman unha oferta diversificada e de calidade centrada na posta en valor dos nosos recursos endóxenos. “É un modelo que nos permitiu acadar as cifras de visitantes máis altas da historia de Galicia o ano pasado con 6,5 millóns de visitantes e pasar de 0 peregrinos no mes de abril do ano 2021 a máis de 437.000 no ano 2022”, explicou o director de Turismo de Galicia, que destacou que estes datos viñeron acompañados dun incremento da rendilidade dos establecementos turísticos así como da mellora dos datos no tráfico aéreo e marítimo.

Xosé Merelles destacou tamén programas e iniciativas, como os Espazos Naturais ou a recén presentada edición do Outono Gastronómico, que permiten afondar na desestacionalización do turismo en Galicia, ademais da captación de congresos e incentivos, que se celebran fóra da tempada alta. Todas estas actuacións, e tal e como amosan os resultados da demanda turística ata xullo, permitiu que Galicia acadara un  novo máximo da serie histórica dos primeiros sete meses do ano, grazas especialmente á chegada de peregrinos estranxeiros.

Sostibilidade e desestacionalización

“O turismo en Galicia xera riqueza e a sociedade galega en xeral percibe o turismo como algo beneficioso, o que non significa que non teña que seguir evolucionando, especialmente desde o punto de vista da sostibilidade”, un reto no que se inxire a execución dos fondos europeos Next Generation e no que será piar da nova estratexia turística na que se comezará a traballar ao remate deste ano, co obxectivo de trazar a folla de ruta do turismo de Galicia para os próximos anos.

Data de actualización: 06/09/2023