O conselleiro do Mar visitou as instalacións da compañía da Pobra do Caramiñal e coñeceu o seu proxecto Congals4.0

A Xunta destaca o papel tractor de empresas como Congalsa para que a industria galega do mar sexa innovadora, competitiva e un referente internacional

Alfonso Villares destaca que o sector vai seguir contando co apoio do Executivo galego para impulsar a súa actividade, unha estratexia que desde 2016 supuxo a concesión de máis de 100 M€ en axudas ás pemes de transformación de produtos do mar

O titular de Mar recorda que as empresas tamén se poden beneficiar das achegas extraordinarias para compensar os maiores custos de produción en 2022 pola guerra en Ucraína, que contan cun orzamento de 7,5 millóns de euros

O conselleiro salienta a aposta constante de Congalsa pola innovación e a mellora continua, tanto nos procedementos e procesos do traballo como á hora de lanzar ao mercado novos produtos e diversificar as liñas de negocio

A Pobra do Caramiñal (A Coruña), 6 de setembro de 2023

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, visitou hoxe as instalacións de Congalsa e coñeceu o seu proxecto Congals4.0 para avanzar na consecución da fábrica intelixente. Neste sentido, o titular de Mar salientou que esta empresa é un gran exemplo da aposta constante da industria de transformación de produtos do mar de Galicia pola innovación e por gañar en competitividade, o que a converte nun referente europeo e mundial e produce un efecto tractor nas empresas da súa contorna.

Nesta liña, o representante da Xunta asegurou que o sector vai seguir contando co apoio do Executivo galego para poder medrar a través de liñas de axudas como as destinadas desde 2016 ás pequenas e medianas empresas de transformación de produtos do mar. Estas achegas superaron os 100 millóns de euros, permitiron desenvolver preto de 400 proxectos de mellora das instalacións das empresas e supuxeron un investimento global de máis de 200 millóns de euros.

Alfonso Villares incidiu en que a Administración debe estar do lado do sector no día a día, como mostran estes apoios, pero tamén en situacións extraordinarias de dificultades como a alerta sanitaria pola covid-19 ou a guerra en Ucraína. Nesta liña, lembrou que, ao igual que no caso do coronavirus, a Xunta convocou recentemente axudas destinadas aos sectores da transformación e da comercializacións dos produtos do mar para compensar os maiores custos de produción das empresas polo conflito bélico.

Eses apoios, cun orzamento de 7,5 millóns de euros e dos que o prazo de solicitude aínda está aberto, pretenden compensar o gasto adicional no que incorreron entre o 1 de marzo e o 31 de decembro de 2022 polo encarecemento da enerxía, dos envases e embalaxes e de produtos necesarios para a fabricación como a fariña, o pan relado ou os aceites.

O conselleiro do Mar destacou a importancia de apoiar a un sector que xera riqueza e emprego alí onde está asentado e que está comprometido con Galicia e co seu desenvolvemento. Neste sentido, incidiu en que o proxecto Congals4.0 coloca a Congalsa nunha situación de privilexio, facéndoa máis flexible, competitiva e eficiente, cuestións clave para medrar nun mercado cada vez máis global.

Alfonso Villares, que estivo acompañado polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, e polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, animou aos responsables da empresa a seguir con esta liña de traballo. De feito, coincidiu co director xeral de Congalsa, Luis Miguel Simarro, en que se trata dunha compañía que aposta constantemente pola innovación e a mellora continua, tanto nos procedementos e procesos do traballo como á hora de lanzar ao mercado novos produtos e diversificar as liñas de negocio.

O titular de Mar salientou ademais o compromiso trasladado por Congalsa de darlle valor e comercializar o produto local e de proximidade nas plantas do grupo, o que vai en beneficio da contorna de fábricas como a que visitou hoxe, que é un motor económico da Pobra do Caramiñal, da comarca do Barbanza e do conxunto de Galicia.

A empresa

Congalsa é unha firma de transformación de produtos do mar que conta con cinco plantas na zona do Barbanza para a elaboración de produtos rebozados, empanados, masas conxeladas e produtos naturais, entre outras elaboracións. Conta cunha traxectoria de máis de 30 anos no sector e cunha importante carteira de clientes tanto nacionais como internacionais.

O proxecto Congals4.0, posto en marcha por Congalsa co apoio do centro tecnolóxico Gradiant, contou cun orzamento de preto de 5 millóns de euros e unha axuda pública de máis de 2 millóns de euros para impulsar a transformación industrial da fábrica. As melloras introducidas permiten optimizar o proceso produtivo, a entrega a clientes, reducir custos e adaptarse máis rapidamente ao mercado mellorando a súa eficiencia.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 06/09/2023