A Xunta analiza coas confrarías de pescadores de Ferrol, Barallobre e Mugardos a situación do sector e as necesidades dos profesionais da zona

Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2023 O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, visitou hoxe as confrarías de pescadores de Ferrol, Barallobre e Mugardos e mantivo cadanseu encontro cos seus representantes para analizar a situación do sector marítimo-pesqueiro e as necesidades dos profesionais da súa área de influencia. O titular de Mar, que estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, escoitou as principais inquedanzas e preocupacións dos traballadores do mar da ría de Ferrol co obxectivo de sumar esforzos na busca de posibles solucións. 

O conselleiro trasladoulle aos responsables das tres entidades a vontade do Executivo galego de seguir traballando da man na busca de medidas que contribúan a facilitar o día a día da xente do mar da zona e de avanzar na coxestión e na cogobernanza dos distintos recursos mariños apostando polo equilibrio entre a protección do medio ambiente e a defensa do emprego. Estas xuntanzas enmárcanse na rolda de contactos que mantén de xeito periódico a Consellería do Mar coas distintas confrarías e asociacións do sector para estudar e buscar posibles solucións ás necesidades de cada zona.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 05/09/2023