A Xunta presenta unha nova edición do programa 'Outono Gastronómico' con 79 casas rurais adheridas

Baiona acolleu a presentación da 17ª edición deste programa turístico que oferta menús especiais que combina gastronomía galega e estadías en aloxamentos de turismo rural.

A nova edición oferta 160 propostas entre o 15 de setembro e o 17 de decembro

Baiona (Pontevedra), 5 de setembro de 2023

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, presentou esta mañá a 17ª edición do Outono Gastronómico de Turismo Rural, un programa que combina gastronomía, natureza, actividades turísticas complementarias e estadías en aloxamentos de turismo rural nas catro provincias. Nesta edición, que se celebrará entre o 15 de setembro e o 17 de decembro, increméntanse o número de aloxamentos adheridos ao programa, un total de 79, dos que 24 están na provincia da Coruña, 22 en Lugo, 17 son de Ourense e 16 son pontevedreses.

Acompañado do alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña, do presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, do de Fegatur, Francisco Almuiña, así como da deputada provincial de Turismo, Nava Castro, o director de Turismo destacou o feito de que este ano o programa se promovera durante a época estival, a través do bus promocional que fixo paradas en 14 areais de toda a costa galega co que “pretendiamos dar a coñecer este programa tan consolidado entre os visitantes de verán, dándolle continuidade á campaña de verán e dinamizando a demanda turística nas áreas rurais a través dun programa de gran éxito”, explicou.

Neste sentido, Merelles puxo en valor as máis de 85.000 persoas que participaron ao longo das edicións anteriores e que xeraron no sector turístico rural máis de 5,3 millóns de euros coas súas estadías nos establecementos de turismo rural adheridos ao programa.

Presentación en Madrid

A praia de Ribeira, en Baiona, foi a derradeira parada do bus promocional do Outono Gastronómico en Galicia pero non da campaña, que remata este xoves en Madrid, cunha presentación do programa na Casa de Galicia. Para o director de Turismo de Galicia, a promoción garantirá que esta nova edición volva ser un éxito e unha boa proba de que a colaboración público-privada no ámbito do sector turístico xera riqueza para o territorio e contribúe a dinamizar a nosa gastronomía.

Como en anteriores edicións, o programa Outono gastronómico en Turismo Rural de Galicia pódese consultar na web de Turismo.gal e permite gozar de menús especiais así como contar co aloxamento ou cun programa de fin de semana. Ademais, un total de 24 dos establecementos adheridos ofertan “Outono plus”, no que se ofrecen actividades complementarias como paseos a cabalo ou rutas en kayak.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/09/2023