A Xunta destina case 182.500 € ao Plan de conciliación e corresponsabilidade do Pereiro de Aguiar no que tamén participan nenas e nenos de Nogueira de Ramuín

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, visitou hoxe a Aula Concilia deste concello ourensán, iniciativa que leva funcionando desde 2008 e que está dispoñible tanto durante o curso escolar como nos períodos estivais
 

O Goberno galego destina preto de 17 millóns de euros este ano a plans de corresponsabilidade, apostando pola igualdade efectiva e facilitándolles a vida ás familias galegas ao permitirlles unha mellor xestión dos seus tempos
 

O Pereiro de Aguiar (Ourense), 5 de setembro de 2023

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, acompañada do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou hoxe a Aula Concilia do Pereiro de Aguiar, que recibiu unha axuda da Xunta de preto de 182.500 euros para contribuír á conciliación non só das veciñas e veciños deste concello ourensán, senón tamén -desde hai dous anos- da localidade lindeira de Nogueira de Ramuín.

Alí, Elena Rivo cualificou a iniciativa como un “modelo exemplar que leva máis de 15 anos en funcionamento, axudando a conciliar da mañá á noite”. No caso concreto do Pereiro de Aguiar, a Aula Concilia está dispoñible nun espazo habilitado do CEIP Ben-Cho-Shey, acollendo 150 nenas e nenos durante todo o ano. A conselleira resaltou esta forma “de axudar a todas as familias a conciliar a vida familiar, de traballo e de ocio”, moi importante durante o curso escolar pero tamén -salientou- nos períodos estivais. 

Por iso, este ano a Xunta mobiliza preto de 17 millóns de euros en apoios á conciliación e ao fomento desa corresponsabilidade, no marco dunha visión integral das políticas públicas en materia de igualdade, que opta por transversalizar numerosas actuacións para que cheguen de xeito efectivo á sociedade. O obxectivo é que prenda a idea de que a conciliación e a corresponsabilidade é unha cuestión que debe involucrar a toda a cidadanía, co apoio das Administracións. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/09/2023