A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda visitou hoxe unha das zonas do parque natural nas que se centrou a intervención

A Xunta completa os traballos de restauración ecolóxica impulsados en 2022 para preservar a duna de Corrubedo, cun investimento total de 0,5 M€

Ángeles Vázquez salienta a importancia da actuación executada para recuperar o espazo protexido e mellorar o hábitat característico das dunas costeiras fixas con vexetación herbácea, considerado prioritario a nivel comunitario
 

Os labores consistiron na eliminación de pés de árbores que non son propias desta zona, sobre todo piñeiros, así como na corta, tronzado e retirada de madeira e na execución de tarefas puntuais, como o arrincado e roza manual de exemplares novos
 

En vista da efectividade das actuacións acometidas nos últimos meses, a Xunta repetirá en vindeiras anualidades intervencións similares no Parque Natural
 

Ribeira (A Coruña), 5 de setembro de 2023

A Xunta de Galicia acaba de completar os labores de restauración ecolóxica na contorna da duna costeira de Corrubedo incluídos no proxecto que impulsou a comezos do ano 2022 para o control e erradicación de especies arbóreas colonizadoras neste espazo natural. Tras 20 meses de traballo sobre o terreo e cun investimento de 0,5 millóns de euros, a actuación deuse por rematada a finais do pasado agosto e permitiu intervir sobre unha superficie de 163 hectáreas.

Coincidindo coa finalización dos traballos, a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, acompañada da directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, achegouse hoxe ao Parque Natural Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán para coñecer in situ o resultado dos labores acometidos para frear o avance do bosque de piñeiro e doutras especies co fin de protexer a integridade da duna, actuacións que se realizan por primeira vez en Galicia.

Así, explicou que na actualidade as masas arbóreas están a ocupar espazos que, orixinariamente, formaban parte dos areais e do propio sistema dunar, alterando así o hábitat propio das dunas costeiras fixas con vexetación herbácea —considerado de interese comunitario prioritario— ao impedir a mobilidade da area.

A tal fin, o ámbito de actuación dividiuse en varios polígonos para facilitar a execución e os labores consistiron, principalmente, na eliminación de pés de especies colonizadoras mediante corta, derramado, tronzado e retirada da madeira e doutros restos, e tamén se procedeu ao arrincado e roza manual de exemplares novos co fin de evitar danos na flora, impedir a incorporación de materia orgánica e reducir o risco de incendio.

Cómpre lembrar tamén que o proxecto contou con financiación europea a través do NextGenerationEU, concretamente no marco da compoñente 4 reservada para iniciativas que incidan na conservación de ecosistemas mariños e terrestres e a súa biodiversidade.

Neste sentido, Ángeles Vázquez destacou o importe da intervención, que acadou un nivel de execución do 100% e supón, segundo dixo, un dos maiores investimentos realizados nun parque natural galego. En todo caso e en vista dos bos resultados acadados e da efectividade das medidas, a intención da Xunta é repetir en vindeiras anualidades intervencións similares en Corrubedo.

Por último, tamén agradeceu o apoio e implicación da comunidade de montes da zona, que lle deu o seu “beneplácito” á intervención e que, tal e como lle trasladou a propia presidenta da entidade, quedou moi satisfeita co resultado xa que supón “un antes e un despois” para o turismo, para os científicos e investigadores e para a veciñanza.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/09/2023