A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou hoxe os mozos da Residencia de Tempo Libre de Panxón

A Xunta promove a educación ambiental entre a mocidade no campamento ‘Zerowaste’, en Nigrán

Nesta última quenda, 45 mozos de entre 13 e 16 anos realizan actividades de concienciación, así como deportes náuticos ecolóxicos

Nigrán (Pontevedra), 4 de setembro de 2023

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou hoxe os mozos que participan na última quenda do campamento de verán Zerowaste, que ten lugar estes días na Residencia de Tempo Libre de Panxón, en Nigrán. Esta alternativa da campaña de verán está centrada na promoción da educación ambiental entre a mocidade.

Nesta última quenda participan 45 mozos de entre 13 e 16 anos que, ademais de actividades de coidado do medio ambiente, tamén practican deportes náuticos ecolóxicos. Os rapaces iniciaron o campamento o pasado sábado e permanecerán nestas instalacións ata o vindeiro día 7 de setembro.

A directora xeral lembrou que estes días teñen lugar as últimas quendas dos campamentos da campaña de verán da Xunta. Así mesmo, apuntou que este ano a oferta do Goberno galego volveu bater todos os récords, con 11.200 prazas repartidas por toda a Comunidade entre campamentos, campos de voluntariado, minicampamentos e intercambios con outras comunidades, entre outras. Foron 400 máis que o ano pasado.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/09/2023