A directora xeral de Patrimonio Natural participou hoxe na presentación previa á celebración desta competición a nado, cuxa segunda proba se disputará o 9 de setembro

A Xunta destaca a proxección internacional da proba Tripla Coroa Illas Atlánticas para dar a coñecer e poñer en valor a riqueza natural do parque nacional

Belén do Campo avanzou que se aproveitará o evento para promover en paralelo actividades medioambientais, como visitas guiadas á Illa de Sálvora, un concurso de fotografía e unha acción de voluntariado para limpar a praia do Almacén

Ribeira (A Coruña), 4 de setembro de 2023

A Xunta de Galicia colabora na cuarta edición da competición de natación Tripla Coroa Illas Atlánticas, cuxa segunda proba se disputará este sábado, 9 de setembro. Así, este espazo natural acollerá un ano máis un evento deportivo que, ademais de ser respectuoso co medio ambiente, dará visibilidade internacional ao Parque Nacional.

Este ano os nadadores deberán atravesar a ría de Arousa. Concretamente, partirán da praia do Almacén, en Sálvora, e rematarán, por primeira vez, na ría de Arousa, concretamente en Ribeira, no areal de Coroso, un percorrido de 19 quilómetros en total que converte a esta proba nunha das máis esixentes fisicamente de Europa e que esta edición congregará a 140 atletas procedentes de 14 comunidades autónomas e de países como México, Arxentina, Cuba, Portugal, Andorra e Francia.

Así o explicou esta mañá a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, quen destacou no acto de presentación celebrado en Ribeira a importancia de aproveitar o evento deportivo Tripla Coroa para impulsar outras actividades medioambientais que, de igual xeito, dean a coñecer as illas e ademais promovan prácticas responsables co entorno natural.

Desta maneira e en paralelo á celebración da proba, a Xunta ten previsto organizar unha visita guiada a Sálvora para coñecer en profundidade a súas principais especies de flora e fauna pero tamén o seu patrimonio etnográfico e arquitectónico, un concurso de fotografía para escoller as tres mellores instantáneas desta illa e unha acción de voluntariado para limpar a praia do Almacén unha vez rematada a excursión.

Do Campo pechou a súa intervención destacando que o mar é un dos principais activos do Parque Nacional, xa que aproximadamente o 85% da súa superficie protexida corresponde ao océano e aos seus valiosos fondos, que acollen ecosistemas que destacan, entre outras cousas, polo bo estado de conservación da súa biodiversidade.

Precisamente, polo respecto que garda ao entorno natural, o labor de escaparate internacional que cumpre e pola forma en que recompensa a excelencia deportiva, a directora xeral subliñou que a Tripla Coroa Illas Atlánticas é un evento de grandísimo valor cultural e ecolóxico no que o Goberno galego colabora desde a súa primeira edición, poñendo á disposición da competición o seu apoio loxístico e económico.

Así, fixo fincapé en que a transcendencia deportiva desta competición de natación só está á altura do seu valor ambiental, representando un exemplo perfecto entre o aproveitamento e a protección dos espazos naturais a través do fomento de prácticas deportivas que requiren dun gran esforzo e espírito de sacrificio.

3 probas en augas abertas

Tralo percorrido de 15 quilómetros efectuado o ano pasado por augas abertas entre a praia de Rodas e a de Ribeira, en Baiona, este sábado os competidores participarán na segunda das 3 probas que integran esta cuarta edición.

Neste caso, o punto de partida é a praia do Almacén, en Sálvora, e finalizará na praia ribeirense de Coroso. A terceira e última carreira terá lugar no ano 2024, e será a máis longa: 23 quilómetros que discorrerán entre a illa de Ons e Combarro, en Poio, pasando antes pola illa de Tambo.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/09/2023