A Xunta publica no DOG a convocatoria en setembro e decembro dos titulares dos terreos necesarios para executar a senda entre a estación intermodal de Santiago e San Caetano

O levantamento das actas previas á ocupación terá lugar o 21 e 22 de setembro, e a formalización o 18 e 19 de decembro

As obras suporán un investimento de preto de 2,4 M€

O novo itinerario partirá da rúa Clara Campoamor, na estación de autobuses, e chegará ata o complexo administrativo da Xunta

Esta intervención forma parte do novo itinerario que conectará O Milladoiro, o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, a intermodal e San Caetano: case 13 km que suporán un investimento de case 12 M€

Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2023

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria para setembro e decembro dos titulares dos terreos necesarios para executar o treito de senda entre a estación intermodal e o complexo administrativo de San Caetano, no concello de Santiago.

Segundo recolle hoxe o DOG, os actos de levantamento das actas previas á ocupación terán lugar o 21 e 22 de setembro, das 10 ás 12 horas nas salas de xuntas D e E do edificio administrativo da Xunta, en San Caetano. A formalización destas actas realizarase o 18 e 19 de decembro no mesmo horario e lugar.

 

No seguinte enlace ao DOG pode ampliarse a información da resolución: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230904/AnuncioG0181-100823-0001_gl.html

As obras, que suporán un investimento de preto de 2,4 M€, están xa adxudicadas e a previsión é formalizar o contrato neste mesmo mes de setembro.

En concreto, o novo itinerario partirá da rúa Clara Campoamor, na estación intermodal, e finalizará no complexo administrativo da Xunta.

A intervención inclúe o acondicionamento dos treitos actuais, aos que se lle dará continuidade nas partes que non os hai, ao longo da marxe sur da liña do ferrocarril, ata a rúa Fontes do Sar.

Ademais prevese o cruzamento da SC-20 aproveitando o paso inferior da rúa Fontes do Sar, para subir polas rúas de Fontiñas, coincidindo coa ruta Eurovelo ata o nó de Concheiros, recentemente remodelado e xa nas proximidades do complexo administrativo da Xunta.

A maiores, como itinerario alternativo para peóns, máis curto pero de maior pendente, proponse a avenida de Lugo, polo que se mellorará o paso inferior baixo a SC-20 á altura da rúa Batalla de Conxo.

Na contorna da Colexiata do Sar, o trazado finalmente adoptado será o que vai polo viario existente que discorre pegado á liña do ferrocarril e que conecta a rúa de Clara Campoamor coa rúa de Sar, en lugar do itinerario pola contorna da Colexiata de Sar proposto inicialmente.

Esta actuación forma parte da creación do novo itinerario que conectará O Milladoiro, o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, a intermodal e o complexo administrativo de San Caetano: case 13 km que suporán un investimento de case 12 M€.

Estas intervencións, promovidas pola Xunta ao abeiro do programa europeo dos Fondos Next Generation, teñen como obxectivo favorecer desprazamentos menos contaminantes nas cidades galegas e nas súas contornas.

 

Data de actualización: 04/09/2023