A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, co director xeral de Mobilidade, presentou a nova campaña de fomento do transporte público da Xunta, ‘Móvome’, que busca consolidar un modelo de mobilidade máis sostible, accesible e económico para o conxunto da cidadanía

Ethel Vázquez avanza o obxectivo da Xunta de acadar en 2023 os 6 millóns de viaxes gratis en transporte público por parte dos menores de 21 anos, 1 millón máis que en 2022

Case 150.000 mozos teñen a tarxeta Xente Nova e viaxan xa gratis en transporte público por Galicia, aforrando en total case medio millón de euros ao mes

Vázquez Mourelle destaca a aposta da Xunta polo transporte público, ao que destina un investimento de case 100 M€ cada ano, é dicir, 300.000 € cada día

Lembra que o Goberno galego renovou case 3.500 liñas, levando o autobús onde antes non chegaba; optimizou infraestruturas, coa habilitación de estacións intermodais; e activou incentivos económicos como o desconto do 50 % nas tarifas

Subliña que no 1º semestre do ano, o transporte público autonómico rexistrou 18 millóns de viaxes, un 17 % máis que en 2022, e co avance do verán este incremento acadou un 30 % máis de viaxeiros en xullo que no mesmo mes do ano pasado

Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2023

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou hoxe que a Xunta prevé que a finais de ano os mozos menores de 21 anos teñan realizado 6 millóns de viaxes gratis no transporte público autonómico, 1 millón máis que en 2022.

 

Así o avanzou hoxe na presentación da nova campaña de fomento do transporte público en Galicia, ‘Móvome’, unha iniciativa para contribuír a consolidar un modelo de mobilidade máis sostible, accesible e económico para o conxunto da cidadanía.

 

Vázquez Mourelle, acompañada do director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, salientou que a campaña presenta cunha imaxe fresca e moderna do transporte público como un camiño de presente e futuro.

 

Concretou que actualmente son 150.000 os mozos e as mozas que viaxan gratis en transporte público por Galicia, cunha media mensual de aforro neste ano 2023 de case medio millón de euros.

 

Fixo fincapé na aposta da Xunta polo transporte público, ao que destina case 100 M€ cada ano, é dicir, 300.000 € cada día.

 

A titular de Infraestruturas e Mobilidade explicou que a Xunta, consciente da importancia do transporte público, renovou preto de 3.500 liñas de transporte interurbano, levando o autobús onde antes non chegaba e implantando novas modalidades, como o transporte compartido e baixo demanda.

 

Incidiu en que o Goberno galego tamén renovou as infraestruturas, poñendo en servizo, as novas estacións intermodais nas cidades e facilitando a intermodalidade nas vilas.

 

A isto, dixo, hai que engadir os incentivos económicos directos que a Xunta aplica a través das tarxetas de Transporte Público de Galicia, así como as bonificacións en marcha desde hai máis dun ano que chegan ao 50 %.

 

Ethel Vázquez subliñou que grazas a todas estas medidas, no 1º semestre do ano, o transporte público de titularidade da Xunta rexistrou 18 millóns de viaxes, un 17 % máis que no mesmo período de 2022. Co avance do verán este incremento continuou en progresión, acadando un 30 % máis de viaxeiros en xullo que no mesmo mes de 2022.

 

A conselleira puxo en valor o transporte público por tres motivos principais: o contexto climático, xa que cómpre reducir os niveis de contaminación; a dispersión da poboación, que require dunha oferta de servizos que garanta a mobilidade; e o encarecemento dos combustibles.

 

Neste sentido, destacou que a campaña presentada hoxe contribuirá a seguir incentivando o uso do transporte público como alternativa de mobilidade máis segura, limpa e accesible; trasladando o traballo feito para a súa renovación en Galicia, así como a mellora das infraestruturas; e divulgando os beneficios concretos que ofrece o sistema xestionado pola Xunta.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/09/2023