A réplica da maqueta do Plan Palacios para Vigo exhibirase en Madrid con motivo do 150 aniversario do nacemento do arquitecto porriñés

As pezas, elaboradas polo alumnado do Instituto IES Politécnico e expostas de forma permanente desde maio de 2022 na Delegación da Xunta de Galicia en Vigo, foron cedidas pola Xunta en préstamo temporal

Coincidindo coa XX Semana da Arquitectura, o Colexio Oficial de Arquitectos de Madrid solicitou a maqueta para amosar ao público durante catro meses dentro da exposición “Antonio Palacios. El rumor de la historia, el ruido del tiempo”
 

Vigo, 4 de setembro de 2023

A réplica da maqueta do Plan Palacios para Vigo estará exposta durante catro meses no Colexio Oficial de Arquitectos de Madrid (COAM) para celebrar o 150 aniversario do nacemento do arquitecto porriñés Antonio Palacios. As pezas, que durante o último ano estiveron expostas na Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Vigo, foron cedidas pola Xunta en préstamo temporal para formar parte da exposición que celebrará o colexio madrileño desde este 19 de setembro ata o vindeiro 24 de xaneiro de 2024.

A cesión temporal fora solicitada pola Fundación Arquitectura COAM para ser exposta na súa sede dentro da mostra Antonio Palacios. El rumor de la historia, el ruido del tiempo, comisariada por José Luis Varela Alén e Ricardo Sánchez Lampreave. A pasada semana, técnicos do Museo do Mar e da Fundación, procederon ao desmontaxe da réplica e ao seu traslado a Madrid. 

Ana Ortiz, delegada territorial da Xunta en Vigo, sinalou que a cesión “axudará a dar a coñecer a figura deste arquitecto universal é significa unha mostra máis da gratitude permanente que debemos ter con el”. A representante autonómica sinalou que a maqueta é testemuña do Vigo soñado por Palacios, unha figura “comprometida co progreso da sociedade da súa época e que soubo conxugar modernidade e tradición”.

A peza que recrea o Gran Vigo do urbanista galego formou parte da exposición Antonio Palacios. Soños de modernidade, compromiso con Galicia, que permaneceu aberta o público no Museo do Mar, desde setembro de 2021 ata o mes de marzo de 2022, con grande éxito entre o público. Desde maio de 2022 estivo instalada na planta baixa da sede autonómica á vista de miles de vigueses e viguesas. 

Traballo do IES Politécnico

O persoal docente e alumnado do Instituto IES Politécnico de Vigo que levou a cabo a réplica contou co traballo de Virtualización 3D de Carlos Paz e Anxo Miján, do Centro InfográficoAvanzado de Galicia (CIAG) e co debuxante arqueolóxico Paco Boluda. Ademais, tivo o asesoramento histórico do Grupo de Investigación e Urbanismo da Facultade de Historia da Universidade de Santiago, a cargo do catedrático Jesús Ángel Sánchez García.

Antonio Palacios

Recoñecido por diferentes estudosos como a figura de maior interese na arquitectura española dos primeiros anos do S.XX, Antonio Palacios naceu no Porriño en 1874 e morreu en Madrid en 1945. Estudou arquitectura en Madrid, cidade na que levou a cabo un dos seus primeiros proxectos tras gañar, xunto ao seu compañeiro de carreira Joaquín Otamendi, o primeiro premio no concurso para construír o Palacio de Comunicacións de Madrid, en Cibeles.

Na súa ampla carreira profesional levou a cabo numerosos proxectos tamén en Galicia, incluíndo varios para reformas urbanas e plans de ensanche e modernización, como os preparados para Vigo e Vilagarcía de Arousa nos anos 20, entre outros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/09/2023