O Instituto de Medicina Legal de Galicia tramitou o ano pasado case 27.000 pericias médicas, psicolóxicas e sociais

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, presentou a memoria xunto coa directora do Imelga, Noemí Morte

Dentro das pericias médicas, destaca o incremento no ámbito da psiquiatría forense cunha demanda de máis de 12.300

Canto ás probas periciais psicolóxicas e sociais, as materias principais volveron ser as relacionadas coa familia

O servizo de Patoloxía Forense realizou máis de 2.000 autopsias, das que 1.011 foron por morte violenta
 

Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2023

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, e a directora do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga), Noemí Morte, presentaron hoxe en rolda de prensa o balance de actividade do Imelga durante 2022, tanto no ámbito da clínica forense, que abarca as pericias demandadas polas autoridades xudiciais en suxeitos vivos, como no de patoloxía forense, centrado nas causas e circunstancias da morte. A memoria pode consultarse na web da Xunta.

Segundo o balance do ano pasado, solicitáronse case 27.000 probas periciais, entre as case 25.000 de clínica e as máis de 2.000 de patoloxía. Das case 25.000 peticións no ámbito da clínica forense, 22.746 foron dirixidas aos médicos forenses e 2.198 aos equipos psicosociais formados por profesionais da psicoloxía e de traballo social. Das 22.746 demandas aos médicos forense atendéronse 21.146 procedentes do ámbito xudicial e 755 a solicitude de particulares.

Pericia médico forense

A demanda global de pericias de tipo médico forense foi de máis de 21.000 peticións procedentes do ámbito xudicial, das que 8.616 corresponden co estudo médico legal de lesións (7.963) e a determinación de capacidade psicofísica (653), o que supón un 40% das solicitudes neste ámbito.

Destaca o incremento no eido da psiquiatría forense, superando, ao igual que na anterior memoria, ás valoracións físico-psicofísicas. En concreto, cunha demanda de 12.334 pericias, representando un 56% e cunha suba de máis de 2.000 casos respecto ao balance de 2021. A maior actividade dáse nos internamentos tanto psiquiátricos como xeriátricos, que representan un 42,67% da actividade da psiquiatría forense con máis de 2.500 casos entre ambas, seguidas das 4.510 pericias de incapacidade que supoñen un 36,56%.

As modificacións lexislativas relativas ás persoas con discapacidade no marco da Lei 8/2021, supón un cambio de paradigma no sentido do acercamento da xustiza ás necesidades das persoas con discapacidade mediante a adopción de medidas de provisión de apoios ás mesmas.

Por último, dentro da pericia médico forense constan as valoracións integrais da violencia de xénero con 111 o ano pasado. Representan o 5% da actividade de clínica forense, seguindo a tendencia dos últimos anos e son levadas a cabo por un médico forense, un psicólogo e un traballador social de xeito programado, ben por solicitude directa do xulgado instrutor, ben por proposta do médico forense trala valoración inicial de urxencia. En materia de violencia de xénero, o servizo de clínica forense tramitou outras 641 valoracións médicas de lesión por agresión de violencia de xénero e 348 de agresións sexuais, o que suman un total de 1.100.

Pericia psicolóxica e social

Dentro do servizo de clínica forense, ademais da pericia médica enmárcanse a psicolóxica e social e a de traballo social. O Imelga conta cun total de 17 profesionais da Psicoloxía e 17 de Traballo Social que conforman os 17 equipos sociais nas sete subdireccións do instituto. Os equipos psicosociais teñen entre outras funcións a de atender as demandas de valoración e elaboración de informes en procedementos altamente sensibles, polo que precisan dunha metodoloxía específica tanto no ámbito civil como penal.

Entre os asuntos abordados por estes equipos atópanse valoracións do ámbito de familia como gardas e custodias, réximes de visitas, ou modificacións de medidas; e do ámbito penal relacionadas con casos de violencia de xénero, a credibilidade do testemuño en abusos sexuais, probas preconstituídas ou valoracións de incapacidades e sociofamiliares.

O traballo dos equipos psicosociais representa un 7% do total, con 1.163 pericias xestionadas en 2022, mentres que os que corresponden á pericia social sumaron 1.035 casos e supuxeron en ambos supostos menos do 5% da demanda xudicial. Ademais, estes equipos colaboran cos médicos forenses nas 111 valoracións integrais de violencia de xénero levadas a cabo o ano pasado. De feito, a pericia en materia de familia supuxo en 2022 máis do 57% da actividade pericial dos profesionais de psicoloxía e case un 65% no caso dos traballadores sociais.

Cómpre aclarar que a demanda global dos equipos psicosociais tenderá a aumentar progresivamente en función do incremento das súas competencias lexislativas no que se refire ás probas preconstituídas debido aos cambios normativos de 2021 na Lei orgánica 8/2021 de protección integral á infancia e a adolescencia fronte á violencia, da Lei de axuizamento criminal ou na Lei 8/2021, pola que se reforma a lexislación civil e procesual para o apoio ás persoas con discapacidade no exercicio da súa capacidade xurídica.

Servizo de Patoloxía forense

O servizo de Patoloxía Forense encárgase de todas as pericias que teñen por obxecto coñecer a causa e circunstancias da morte nos casos de morte violenta ou sospeitosa de criminalidade. En 2022 realizáronse 2.037 autopsias, 1.026 por morte natural e 1.011 por morte violenta.

No caso das mortes violentas, aumentaron tanto aos accidentes (663) como os suicidios (340) mentres que se reduciron os homicidios (8). A maioría das mortes accidentais -por accidente de tráfico, laborais ou fortuítos- foron causadas por traumatismos de distinto tipo, fundamentalmente por caídas fortuítas ou accidentes de tráfico. No caso concreto dos sinistros de circulación incrementáronse en 10, ata as 123 vítimas mortais.

No caso das mortes naturais, a patoloxía máis numerosa foi a cardiovascular, que supuxo o 75% do total. A continuación, e con moita diferenza, sitúanse outras causas como patoloxías respiratorias ou dixestivas.

O Imelga

O Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) concentra a pericia pública oficial médico-legal, de psicoloxía e de traballo social forense. Dispón de sete subdireccións, unha en cada unha das sete cidades galegas, e conta con 135 profesionais entre médicos forenses, psicólogos, traballadores sociais, funcionarios dos corpos xerais e auxiliares de autopsia.

Data de actualización: 04/09/2023