A Unidade de Radiofármacos da Sanidade Pública Galega proba con éxito a súa máxima seguridade nun simulacro de incendio

Este exame avala a máis alta garantía de calidade da unidade de radiofarmacia, renovada recentemente pola Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios

Durante o operativo estivo presente a xerente do Sergas, Estrella López-Pardo, así como o persoal da unidade
 

Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2023

A Unidade de Radiofármacos PET Galicia, que subministra os radiofármacos aos servizos de diagnose de todos os hospitais do Sergas, puxo a proba, de novo, a súa calidade e seguridade superando con éxito un simulacro de incendio que tivo lugar esta mañá. Cómpre remarcar que a tecnoloxía PET é unha técnica avanzada de diagnose utilizada principalmente en enfermidades oncolóxicas, neurolóxicas e cardíacas que permite obter imaxes de alta precisión e detectar patoloxías de maneira precoz.

O simulacro contou coa presenza da xerente do Servizo Galego de Saúde, Estrella López-Pardo, así como a xerente de Galaria, Rocío Mosquera, e a xerente da área sanitaria, Eloína Núñez. O operativo estivo dirixido polo servizo de Emerxencias do 112 , e contou coa supervisión da compañía de prevención de riscos laborais Quirón Prevención, así como a colaboración de todo o persoal da unidade.

Plan de auto-protección

O simulacro de incendio realizado esta mañá constata o excelente funcionamento do plan de auto-protección da Unidade de Radiofármacos PET Galicia e a capacidade das infraestruturas e persoal da unidade de responder a unha situación de emerxencia en tempo real. A rápida e eficiente intervención dos traballadores do centro e dos dispositivos externos de bombeiros e Urxencias Sanitarias de Galicia-061 coordinados polo 112, así o puxeron de manifesto.

Trátase dunha proba máis dos máis altos estándares de calidade cos que conta a unidade, acreditados recentemente coa renovación do “certificado de cumprimento de normas de correcta fabricación” para os radiofármacos PET que ten autorizados pola Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios (AEMPS), máxima autoridade sanitaria en España nesta materia.

Este novo fito capacita á Unidade de Radiofármacos PET Galicia, situada nun edificio anexo ao Hospital Clínico de Santiago, a ampliar a súa capacidade de maneira significativa, e a curto prazo para subministrar este tipo de medicamentos especiais a todos os hospitais do Sergas que conten con equipos de diagnóstico.

Fábrica de radiofármacos na sanidade pública galega

A sanidade pública galega dispón do seu propio centro de elaboración de radiofármacos. Trátase da Unidade de Radiofármacos PET Galicia, na que se sintetizan as moléculas marcadas que se van utilizar nos equipos PET cos que contan os hospitais galegos. Actualmente, esta unidade elabora dous radiofármacos: a [18F]fludesoxiglucosa marcada con flúor 18 (FDG), que é o radiofármaco máis utilizado nas exploracións mediante PET, e a [18F]fluorocolina, de gran utilidade na diagnose inicial e na localización das recidivas en cancro de próstata.

A tecnoloxía PET é un sistema avanzado de diagnose que require administrar previamente ao paciente o radiofármaco, grazas ao cal se obteñen imaxes do comportamento e metabolismo de tecidos e órganos, chegando a detectar patoloxías cando aínda non presentan signos físicos observables por outras técnicas diagnósticas. As exploracións médicas mediante equipos PET adquiriron unha enorme relevancia pola súa sensibilidade e efectividade nos campos da oncoloxía, a cardioloxía, neuroloxía e patoloxías infecciosas-inflamatorias.

Os radiofármacos que se empregan nesta técnica son moléculas marcadas con radioisótopos emisores de positróns, que se incorporan ao organismo do paciente para poder observar mediante equipos PET a súa distribución nos tecidos. A curta vida dos radiofármacos, de apenas uns minutos ou unhas horas, fai indispensable que unha unidade de radiofarmacia onde se elaboran estas substancias estea situada, como ocorre en Galicia, a unha distancia o máis próxima posible ás unidades de diagnóstico.

Para producir este tipo de radiofármacos é necesario un ciclotrón, un tipo de acelerador de partículas no que se producen os isótopos radioactivos cos que se marcan as moléculas que se van inxectar ao paciente. Unha vez no organismo do doente, o equipo de exploración PET detecta a radiación desas moléculas e configura unha imaxe de como se comportan os tecidos ante a presenza das mesmas.

Ampliación da distribución de radiofármacos para os novos tomógrafos

Actualmente, a Unidade de Radiofármacos PET Galicia envía diariamente doses de radiofármacos aos pacientes do Sergas de Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña, aínda que se está preparando para ampliar o seu servizo aos hospitais de Lugo e Ourense, debido á instalación, por parte da Xunta de Galicia, de dúas novas cámaras PET que permitirán realizar exploracións a estes pacientes, sendo a única Unidade de Radiofármacia PET pública en España que realiza este tipo de servizo de distribución.

En canto a novos radiofármacos, a Unidade está a facer as xestións para solicitar a autorización dun novo radiofármaco ([18F]flurodopa) con indicacións en neuroloxía e oncoloxía, así como ampliar a súa capacidade para elaborar radiofármacos de investigación que poderían, nun futuro, pasar ao seu uso clínico.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/09/2023