A Xunta colabora nunha experiencia de realidade virtual e nunha exposición fotográfica para dar a coñecer a riqueza dos fondos mariños de Cortegada

Santiago de Compostela, 3 de setembro de 2023 A Xunta colaborou este verán na experiencia interactiva O mar en 360º, a través da cal os visitantes do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia puideron gozar durante os últimos dous meses de paseos virtuais baixo o mar dos catro arquipélagos.

Ademais, no caso concreto de Cortegada, os participantes puideron desfrutar dunha exposición pensada para poñer en valor a riqueza natural dos fondos mariños deste arquipélago a través de fotografías tomadas durante estas viaxes interactivas.

Cómpre lembrar que as visitas virtuais O mar en 360º foron posibles grazas ao uso de ROVS (drons submarinos controlados por operador) capaces de transmitir en tempo real as imaxes do fondo do mar que van captando ao longo do seu percorrido, unha tecnoloxía a través da cal calquera persoa pode achegarse e coñecer a biodiversidade mariña que albergan as Illas Atlánticas desde terra firme e, polo tanto, de xeito respectuoso co entorno natural.

Esta iniciativa, deseñada e desenvolvida pola cooperativa galega 13 graos, recibiu unha das axudas concedidas pola Xunta en 2022 para apoiar actividades na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional e financiadas con cargo aos fondos Next Generation.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/09/2023