A conselleira de Política Social e Xuventude estivo hoxe cos mozos do albergue xuvenil das Sinas, en Vilanova de Arousa

Fabiola García visita os mozos que participan nas últimas quendas de campamentos da campaña de verán da Xunta

Nesta última quenda nas Sinas, participan 120 mozos de entre 14 e 17 anos que teñen a oportunidade de practicar distintos deportes acuáticos

A campaña de verán deste ano volveu bater todos os récords con 11.200 prazas, 400 máis que o ano pasado, e unha ocupación de case o 100%
 

Vilanova de Arousa (Pontevedra), 2 de setembro de 2023

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visitou hoxe os mozos de entre 14 e 17 anos que participan estes días na última quenda de campamentos no albergue xuvenil das Sinas, en Vilanova de Arousa. Durante o encontro sinalou que a campaña de verán da Xunta volveu a bater todos os récords de participación e Galicia consolídase como a Comunidade coa oferta máis ampla.

Neste sentido, a conselleira lembrou que a campaña de verán deste ano contou con 11.200 prazas, 400 máis que o ano pasado, e unha ocupación de case o 100%. Dentro desta oferta, inclúense os campamentos de verán, pero tamén os campos de voluntariado, minicampamentos ‘Coñece Galicia’ ou os intercambios con outras Comunidades Autónomas, entre outras actividades.

Nesta quenda das Sinas, 120 mozos teñan a oportunidade de practicar deportes acuáticos como vela, piragua, kaiak, snorkel e tamén outros deportes como volei praia ou baloncesto. Fabiola García sinalou que o obxectivo é ofrecer un recurso de conciliación para os pais, darlle aos máis novos a oportunidade de aprender e coñecer novas disciplinas e tamén darlle a coñecer a xeografía galega.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/09/2023