A directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático participou esta mañá nunha mesa redonda organizada por Bioecon

A Xunta destaca que Galicia é a primeira comunidade en incluír os servizos ecosistémicos nos procedementos de avaliación ambiental por medio da Lei utility

O encontro xirou en torno á necesidade de aproveitar de xeito sostible o entorno natural, tal e como reflicte o anteproxecto de Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia

Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2023

A Xunta participou nunha mesa redonda sobre servizos ecosistémicos no marco da XXIV Conferencia da Rede Internacional Bioecon, onde salientou a importancia de garantir a súa inclusión nos procedementos de avaliación ambiental de proxectos que empregan recursos naturais, tales como o vento, a auga ou o sol. Do mesmo xeito, destacouse que Galicia é a primeira Comunidade Autónoma en seguir esta liña de actuación, que ademais vai en consonancia coa filosofía da futura Lei de aproveitamento de recursos naturais (tamén coñecida como Utility).

A mesa redonda contou coa participación de académicos de varias universidades estadounidenses, e centrouse na información pública da guía que o Goberno do Presidente Biden está a levar a cabo para avaliar os servizos ecosistémicos na análise custo-beneficio de determinados proxectos. Así, tamén se afondou na necesidade de aproveitar estes recursos para proporcionar beneficios á sociedade.

Neste contexto, a directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, explicou que o proxecto normativo da Xunta recoñece a abundancia de recursos naturais de Galicia como a base do desenvolvemento sostible de da Comunidade, aínda que en ocasións existen barreiras que dificultan a súa posta en valor, como por exemplo o feito de que os proxectos non sempre estean ben definidos.

Deste xeito, a nova lei formúlase cun triplo obxectivo: a protección do medio ambiente, a creación da riqueza e o impacto positivo no territorio en termos de emprego e efectos sociais. Así, é a primeira proposta lexislativa en España que recolle a necesidade de incluír os servicios ecosistémicos nos procedementos de avaliación ambiental de proxectos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/09/2023