O conselleiro do Medio Rural presidiu en Xinzo a inauguración da 4ª Feira Agraria da Limia Alimagro 2023

A Xunta destinará 300.000 euros a unha campaña de promoción do consumo da Indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia

José González anunciou que esta iniciativa de promoción porase en marcha proximamente, tras a recollida do produto

Reafirmou o compromiso da Xunta co cultivo de pataca nesta bisbarra ourensá e tamén coa propia comarca

O conselleiro participou tamén nunha mesa redonda sobre os novos retos para o sector da pataca, na que lembrou que o sector primario achega preto do 30% do Produto Interior Bruto da comarca limiá
 

Xinzo de Limia (Ourense), 1 de setembro de 2023 A Xunta investirá 300.000 euros nunha campaña de promoción do consumo de tubérculo amparado pola Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pataca de Galicia. Esta iniciativa porase en marcha en vindeiras datas, tras a recollida do produto. Así o anunciou hoxe o conselleiro do Medio Rural, José González, na inauguración da 4ª Feira Agraria da Limia Alimagro 2023, onde estivo acompañado polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos.

Na súa intervención, o conselleiro puxo en valor a produción certificada con esta IXP que, lembrou, supera anualmente os 6,2 millóns de quilos, cun valor económico estimado de máis de tres millóns de euros e preto de 700 hectáreas de superficie plantada. Recordou tamén que están amparados ata 90 produtores e 12 almacenistas.

Nesta liña, José González remarcou ademais o peso específico da pataca na dieta da poboación e o feito de que a gastronomía tradicional de Galicia non se entende sen este produto. Por estas e outras razóns, o conselleiro concluíu que o da pataca é un cultivo con futuro e que tamén teñen porvir as principais zonas de produción como A Limia. Neste sentido, o titular de Medio Rural reafirmou o compromiso da Xunta co cultivo de pataca nesta bisbarra ourensá e tamén coa propia comarca.

Plan estratéxico

O conselleiro indicou que ese compromiso se materializa nun Plan estratéxico que, dixo, persegue un modelo máis sustentable económica, social e ambientalmente, sempre en colaboración cos principais axentes do territorio. Asemade, González destacou que as actuacións contempladas no devandito plan enmárcanse no investimento de máis de 40 millóns de euros, destinados de xeito conxunto entre a Xunta e o Estado, para mellorar as condicións da actividade agraria nesta comarca.

Neste contexto, salientou os fondos para dotacións e melloras na rede de regadío, así como para reparación de camiños. Sobre o regadío, puxo en valor as actuacións de modernización, así como para a construción e optimización enerxética de ata 40 pozos de sondaxe de auga. Tamén, os esforzos para propiciar a limpeza das canles e dos camiños paralelos.

En relación coas vías de comunicación, lembrou que grazas á colaboración entre a Consellería do Medio Rural, o Concello de Xinzo e a Deputación Provincial de Ourense vaise acondicionar a principal vía de saída do cereal da comarca, o Camiño da Armada. A maiores, José González referiuse aos tres polígonos agroforestais que se situarán no mesmo concello de Xinzo, recuperando arredor de 3.500 hectáreas de terreo, ou ao que se localizará no veciño municipio de Porqueira, con 570 hectáreas máis. E tamén que, precisamente neste mesmo concello de Porqueira, trabállase para crear a aldea modelo de Lobios, que se atopa actualmente en fase de recollida de sinaturas e que abranguerá arredor de 35 hectáreas.

Mesa redonda

O conselleiro fixo estas consideracións tras participar, tamén no marco de Alimagro, nunha mesa redonda sobre os novos retos para o sector da pataca. Neste foro, González lembrou que o sector primario achega preto do 30% do Produto Interior Bruto da comarca da Limia e puxo en valor a colaboración institucional -liderada pola Xunta- que aposta por un futuro sustentable para o agro desta bisbarra.

 
 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/09/2023