A exposición itinerante da Xunta na área transfronteiriza para concienciar sobre a influencia do cambio climático nas emerxencias pecha o seu percorrido polo territorio galego

O proxecto chega a Tomiño tras o seu paso polo Porriño, Salvaterra de Miño, As Neves e Ponteareas

O Goberno galego busca reforzar os coñecementos da poboación en relación ás emerxencias relacionadas co cambio climático
 

Tomiño (Pontevedra), 1 de setembro de 2023

O xerente da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Marcos Araújo participou hoxe en Tomiño na última parada en territorio galego da exposición itinerante que, enmarcada no proxecto Protempo, ten o obxectivo de concienciar os habitantes de distintas localidades a ambos lados da fronteira galego-portuguesa sobre as emerxencias relacionadas co cambio climático e os desastres naturais.

A exposición estará dispoñible ata o 6 de setembro nas instalacións do mercado de abastos, onde os visitantes poderán coñecer diferentes situacións de risco e o seu impacto na Eurorrexión, así coma os recursos dispoñibles para loitar contra elas. O proxecto chega a terras tomiñesas logo de pasar polo Porriño, Salvaterra de Miño, As Neves e Ponteareas. A continuación, cruzará a fronteira para instalarse noutra media ducia de municipios portugueses.

Esta iniciativa de Protección Transfronteiriza de Emerxencias dirixida á Poboación da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal (Protempo) está financiada con fondos Interreg  Europa do programa Poctep 2014-2020 e tenta promover a concienciación sobre o cambio climático e a prevención e xestión de riscos, así como aumentar a resiliencia territorial ante os perigos naturais nas zonas de fronteira.

Mediante Protempo, a Xunta busca reforzar os coñecementos da poboación en canto ás alteracións climáticas, especialmente dos colectivos máis vulnerables —cativada e persoas maiores­—. O proxecto funciona coma unha chamada á acción e á auto protección ante as emerxencias relacionadas co cambio climático, cada vez máis frecuentes (incendios forestais, vagas de frío e calor, tempestades ou inundacións). O contido está cimentado sobre un importante traballo documental que conta coa colaboración e as testemuñas de expertos en diversos campos como a protección civil, a agricultura, a educación, a seguridade, o medio ambiente, a medicina ou o patrimonio cultural.

Maior coordinación coa cidadanía

Ademais, a finalidade do Goberno galego, co apoio das administracións locais como socias do proxecto e no que tamén participa Portugal mediante a Comunidade Intermunicipal do Alto Minho, é incrementar a rapidez e a eficacia da resposta dos efectivos de emerxencias, así como a súa coordinación coa cidadanía ante os desastres naturais.

Nesta liña, desde a Xunta invístese en material e no desenvolvemento de mecanismos conxuntos para ambos os lados da fronteira co obxectivo de facerlles fronte a riscos específicos, como son as inundacións ou os incendios forestais. Entre os recursos destacan a Nova Rede de Mando Operativo Único, os diversos equipamentos adquiridos e as diferentes formacións recibidas polos profesionais.

Co proxecto Protempo, que comezou no ano 2011 como Ariem112 e despois como ARIEM_PLUS, dótase de medios aos diferentes servizos de emerxencias, realízanse simulacros para perfeccionar a coordinación entre as distintas institucións ante unha catástrofe natural e lévanse a cabo a difusión de material de auto protección a través dos distintas canles informativas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/09/2023