A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o conselleiro do Mar visitaron hoxe unha empresa marisqueira localizada en Tragove

A Xunta garante que coa entrada en vigor da Lei do litoral Cambados xa pode seguir adiante co plan especial da zona portuaria

Ángeles Vázquez anima ao Concello a retomar a tramitación do proxecto impulsado en 2014 para desenvolver o porto de Tragove e San Tomé e subliña que o novo marco normativo galego regula como actividades estratéxicas do dominio público as instalacións ligadas á cadea mar-industria, polo que “xa non hai obstáculos”

Alfonso Villares lembra que empresas como Mariscos Linamar terían moi difícil continuar coa súa actividade afastadas da costa, polo que a lei autonómica lles aporta seguridade xurídica e frea as interpretacións arbitrarias da normativa de Costas realizadas polo Goberno central

Cambados (Pontevedra), 1 de setembro de 2023

A nova Lei de ordenación e xestión integrada do litoral garante a seguridade xurídica necesaria para que o Concello de Cambados poida seguir adiante co Plan especial de ordenación para o porto de Tragove e San Tomé, un instrumento que comezou a tramitar no ano 2014 e que pese ao interese estratéxico que ten para o municipio e o tecido empresarial non logrou aprobar aínda debido ás trabas recibidas por parte do Goberno do Estado.

Un mes despois da entrada en vigor da nova lei do litoral galega, a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, visitaron esta mañá Mariscos Linamar, do grupo Angulas Aguinaga, para garantir que co actual marco normativo o desenvolvemento previsto para a zona portuaria cambadesa é posible e ten amparo legal.

Tras explicar que esta empresa é unha das principais afectadas polo bloqueo do Plan especial xa que conta cun proxecto estratéxico para as súas instalacións en Tragove que non pode executar, a vicepresidenta segunda salientou que fronte ás interpretacións restritivas da Lei de costas que leva anos facendo o Goberno do Estado, a normativa galega regula de forma clara e obxectiva as actividades e usos estratéxicos que pola súa función poden ocupar o dominio público marítimo-terrestre (DPMT).

En concreto, Ángeles Vázquez destacou dentro deste grupo ás empresas da cadea mar-industria e ás instalacións que lles dan servizo polo que emprazou ao Concello de Cambados a retomar a tramitación do plan deseñado para desenvolver a zona portuaria coa tranquilidade de que “coa nova lei xa non hai obstáculos” para a súa aprobación.

Neste sentido, a vicepresidenta recordou que o ano pasado Costas emitiu un informe desfavorable sobre as depuradoras de marisco localizadas no espazo portuario cambadés co argumento de que non é un uso necesario para o porto e que, por conseguinte, deben localizarse fóra do DPMT unha vez finalizadas as concesións.

Segundo explicou, esta interpretación por parte do organismo estatal non ten cabida xa tras a aprobación da Lei do litoral galega, na que se recolle claramente que os establecementos da cadea mar-industria poden ocupar terreos do dominio público “cando requiran da captación e retorno da auga do mar para o desenvolvemento dos seus procesos produtivos”, como é o caso, por exemplo, dunha depuradora de marisco.

O conselleiro do Mar, pola súa banda, salientou que a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral pretende aportar seguridade xurídica ás empresas do sector exercendo as competencias que ten a comunidade neste eido. Esta norma, engadiu, dará a empresas como Mariscos Linamar a estabilidade que precisan para desenvolver a súa actividade, sen trabas inxustificadas e exercendo como ata o de agora o seu papel de elo esencial da cadea mar-industria, conectando o sector produtor co comercializador.

Alfonso Villares asegurou que a nova regulación vai acabar cos temores do sector sobre o seu futuro e a arbitraria interpretación da normativa de Costas que estaba a facer o Goberno central, poñendo en risco a continuidade de empresas que teñen demostrado o seu compromiso co medio ambiente e co territorio. Empresas como Mariscos Linamar, engadiu, teñen difícil realizar a súa actividade lonxe da costa, polo que a súa expulsión da localización actual suporía a perda de riqueza e a destrución de empregos na súa contorna.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/09/2023