A Xunta destina 560.000 euros a obras de mellora na escola infantil pública autonómica de Antela, en Ourense

As actuacións permitirán renovar a cuberta do centro e crear unha envolvente térmica na fachada para mellorar o benestar de nenos e educadores
 

O curso escolar 2023-24, que comeza o vindeiro martes nas escolas infantís da rede pública autonómica, será o segundo no que se aplique a gratuidade de todos os centros galegos
 

Ourense, 1 de setembro de 2023 A Xunta destinou 560.000 euros a obras de mellora na escola infantil pública autonómica de Antela, no concello de Ourense. A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, acompañada do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou hoxe as instalacións onde apuntou que o Goberno galego está ultimando os detalles para o inicio do curso o vindeiro martes.

En concreto, as obras permitirán renovar a cuberta do centro e crear unha envolvente térmica na fachada que mellore a eficiencia enerxética e o benestar de nenos e educadores. Así mesmo, Fabiola García sinalou que o obxectivo é que na súa volta ás aulas as familias atopen uns centros máis acolledores, máis confortables e da maior calidade. Esta actuación foi financiada a través do Fondo Europeo de Desarrollo Regional (FEDER).

A conselleira lembrou que o curso 2023-24 que comeza será o segundo curso no que se aplique a gratuidade de todas as escolas infantís de 0 a 3 anos. Unha medida na que Galicia foi pioneira a nivel nacional e que está a beneficiar a 31.000 familias que aforran cada ano 2.000 euros na atención educativa dos seus fillos. Así mesmo, destacou que a Xunta destina a esta iniciativa un orzamento de 55 millóns ao ano.

Maior taxa de escolarización

A aplicación desta gratuidade nas 550 escolas infantís de toda Galicia —tanto nas públicas autonómicas, como nas municipais, nas privadas e nas de iniciativa social—permitiu que Galicia se situase como a Comunidade coa maior taxa de escolarización nesta etapa de 0 a 3 anos. Segundo os datos oficiais do Ministerio de Educación e Formación Profesional, Galicia acadou unha taxa do 56 % o pasado curso, dez puntos por riba da media nacional.  

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/09/2023